Este domingo, Día Mundial do Turismo, entregáronse na cidade da Muralla os primeiros premios Lugo Cambia ao turismo lucense. No acto, no que participaron o presidente da entidade provincial José Tomé, e maila deputada de Réxime Interior e Promoción do Turismo Pilar García Porto, recoñeceuse o traballo innovador da asociación de desenvolvemento rural da Serra do Courel, a Fundación Uxío Novonveyra, o Concello do Vicedo, a aplicación-web Xantarda e o Restaurante Cantábrico da Fonsagrada.
A cita celebrouse no salón de actos do Pazo de San Marcos e contou coa presenza de deputados e deputadas provinciais, do Concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego de Lugo, Mauricio Repetto, do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e dos propios membros do Consello de Turismo. Alberte Cabarcos moderou a gala, que se retransmitiu por streaming na canle dos Servizos Audiovisuais da Deputación de Lugo (antiga Fundación TIC).
Cada un dos premiados recibiu un diploma e unha peza de cerámica de Gundivós que acredita este recoñecemento público que lles fai o Consello Provincial de Turismo, un órgano consultivo e de participación para favorecer a gobernanza turística da provincia que foi promovido e está presidido pola Deputación de Lugo.
José Tomé Roca abriu o acto cunha intervención onde puxo de manifesto a intención e a orixe coa que xurdiron estes galardóns. “Buscamos dar ao sector turístico e gastronómico da provincia de Lugo unha ferramenta de proxección que axude a loitar e sobrepoñerse ante os moi graves efectos da crise sanitaria, pero tamén queremos que estes premios se asenten e tras esta veñan moitas edicións máis”. O presidente tivo palabras para cada un dos premiados e loou “o seu incansable traballo e dedicación, tendo en marcha iniciativas propias que os fan competitivos e diferentes a ollos do visitante”.
A gala estivo amenizada polo músico lucense Bruno Villamor, que tocou varias pezas coa súa zanfona.
Asociación de desenvolvemento rural Serra do Caurel
O presidente da asociación de desenvolvemento rural Serra do Caurel, Marcos Reinoso, recolleu o premio en nome do colectivo na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense. Na súa intervención salientou que este premio “vén a referendar o traballo que vimos facendo na defensa do Courel, da súa xente e do turismo sostible na nosa terra”.
O xurado valorou a dedicación e traxectoria desde colectivo, con continuidade dende o ano 1998, impulsando accións innovadoras para crear produtos turísticos como o Courel Son ou a posta a disposición de ferramentas TIC como os portais turismocourel.es e vivindocourel.es. Ademais, salientouse o desenvolvemento de iniciativas ligadas co turismo sustentable e responsable, como a elaboración de guías de boas prácticas, rutas de interpretación ambiental, e entre as múltiples actividades que ten en marcha, traballa pola recuperación dos bens do patrimonio cultural e natural.
Fundación Uxío Novoneyra
O presidente da Fundación Uxío Novoneyra, Uxío Novo, foi a persoa que recibiu o galardón na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense. “Agradecemos o premio polo agarimo que sempre amosou esta institución cara a nosa Fundación dende o noso nacemento, queremos dedicar o premio ao esforzo dun grupo e xeración que fundamentaron a nosa entidade e aínda teiman dela e dun Lugo posible e soñado”, salientou.
O Consello premiou a súa dedicación e traxectoria profesional como institución, o desenvolvemento de accións innovadoras en materia de creación de produtos turísticos, o impulso de accións innovadoras e tamén o férreo traballo en prol da calidade turística.
O Vicedo
O alcalde do Concello do Vicedo, Jesús Novo, foi o encargado de recibir o premio en nome do municipio que representa na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense. Novo loou a iniciativa dos galardóns e expresou gratitude en nome de todas as persoas que traballan na área de Turismo municipal e á veciñanza do Vicedo por “facer posible cos seus folgos que se fagan accións que hoxe son premiadas”.
O Vicedo recibe galardón por desenvolver iniciativas e proxectos ligadas ao turismo sustentable e responsable. É o caso dos Mércores de Natureza, a través dos que se impulsan actividades de turismo activo, nas que se mesturan accións deportivas, ornitolóxicas, de natureza e xeolóxicas. Tamén pola introdución dun conxunto de medidas para controla e mellorar a experiencia dos visitantes que acoden a coñecer o Fuciño do Porco e, entre outras, impulsar a Romaxe Viquinga, un evento vencellado ao patrimonio e á historia deste municipio da Mariña.
Xantarda
O fundador de Xantarda-Onde queres ir comer hoxe?, Alberto García, recolleu o galardón na categoría …E para comer, Lugo á gastronomía lucense. “Quero dedicar este premio á miña muller Alba e á miña filla Icía, foi no confinamento cando levei a cabo esta aplicación que tiña na cabeza dende facía tempo. Isto foi feito grazas aos establecementos da zona e ás institucións de Chantada, a quen lles estou moi agradecido”, afirmou na súa intervención.
Xantarda resultou distinguida por ofrecer información sobre os restaurantes e bares de Chantada, con información pormenorizada das súas cartas, menús do día, horarios e emprazamentos. “Un importante traballo de dixitalización da hostalería local ofrecendo información actualizada aos visitantes e turistas, achegándoos á cociña de proximidade”, informou o xurado.
Restaurante Cantábrico da Fonsagrada
O xerente do Restaurante Cantábrico da Fonsagrada, José Lombardía Pereira, recibiu o premio na categoría …E para comer, Lugo á gastronomía lucense. Lombardía, emocionado, tivo palabras para súa muller que leva “unha vida enteira, unha vida dura dedicada ao Cantábrico, seguiremos pelexando nos tempos que veñan para saír adiante”. O Consello premiouno por sacar adiante accións de promoción e fomento do consumo de produtos autóctonos por parte de empresas de restauración, profesionais independentes, entidades e colectivos públicos ou privados. Así mesmo, é o primeiro restaurante do país certificado polo CRAEGA para promover cogomelos silvestres de Monte Ecolóxico e fomenta nos seus menús a cociña de proximidade.
A Deputación de Lugo entrega os seus premios á innovación e á excelencia turísticas
Compartir Este Artigo

