A Consellería de Educación achegou esta fin de semana detalles sobre os centros docentes que van estrear este curso o bacharelato científico-tecnolóxico STEMbach e os centros que xa contan con esta modalidade educativa integrada. En total, serán 9 centros os que comecen este ano a impartir estes contidos, sendo a listaxe xeral de centros de 38. En cuestión de estudantes, estariamos a falar de 558 alumnas e alumnos matriculados (o 52% deles mulleres) dende a pota en marcha desta modalidade, no curso 2018-2019, abeirada á Estratexia Galega para a Educación Dixital (Edudixital 2020).
Segundo lembrou Educación, o obxectivo este ano será o mesmo que alentou a iniciativa dende a súa orixe: “Fomentar a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación ao ensino universitario e tendo en conta a perspectiva de xénero”.
En termos máis concretos, o STEMbach inclúe o desenvolvemento dun proxecto de investigación e contribúe a afondar no traballo das competencias matemática e básica en ciencia e tecnoloxías mediante os elementos e os procedementos da investigación e do método científico, “dun xeito rigoroso, ordenado e crítico”. Búscase tamén “facilitar a adquisición de competencias transversais, como a creatividade, o sentido da iniciativa e o emprendemento, a resolución de problemas, o traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global; así como a mellora das destrezas comunicativas e expresivas, con énfase na comunicación científica e nas competencias dixitais”.
Os centros de nova incorporación ao STEMbach no curso 2020/21, que a vindeira semana se publicará no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, son os que seguen: CPR Plurilingüe La Grande Obra de Atocha (A Coruña), IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña), IES de Ortigueira (Ortigueira), CPR Plurilingüe Santa María (Ourense), IES Ramón Otero Pedrayo (Ourense), IES María Soliña (Cangas), CPR Santiago Apóstolo (Soutomaior), IES Laxeiro (Lalín) e IES Val Miñor (Nigrán).
Nove unidades máis súmanse este curso ao bacharelato científico-tecnolóxico impulsado por Educación
Compartir Este Artigo

