As mulleres científicas e tecnólogas da nosa terra piden paso e, nesta liña de avance, queren tirar abaixo todas as barreiras que poidan impedir ás mozas abordar o mesmo camiño e prepararse para ser, elas tamén, mulleres científicas e tecnólogas. Desta vontade xorde a iniciativa Unha enxeñeira ou científica en cada cole, que chega á súa quinta edición impulsada pola Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade de Santiago e o máis o Concello. O obxectivo, nas súas palabras, “motivar a presenza de rapazas nas titulacións relacionadas coas denominadas disciplinas STEM”. Ou sexa, nas áreas relacionadas coa Ciencia, a Tecnoloxía, a Enxeñaría e as Matemáticas.
Os obradoiros correspondentes á quinta edición botaron a andar este martes no CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela a través do taller Informática visual aplicada á bioloxía. A actividade foi impartida por Eva Cernadas, profesora da USC na Área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial e investigadora do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS).
A iniciativa Unha enxeñeira ou científica en cada cole está dirixida ao alumnado dos centros de educación Infantil e Primaria públicos do concello compostelán nos meses de setembro a outubro. Dadas as circunstancias da pandemia da COVID-19, os obradoiros desta edición foron reformulados en modalidade virtual a través de webinars, vídeos e materiais didácticos diversos. No programa participan nenas e nenos de cuarto, quinto e sexto de primaria do CEIP López Ferreiro, CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, CEIP Raíña Fabiola e CEIP de Vite I.
Programa
Tamén no CEIP López Ferreiro, impartirase o obradoiro Coas mates pódense gardar segredos, o cal correrá a cargo de Elena Vázquez Abal, profesora da Área de Xeometría e Topoloxía da USC, os días 30 de setembro e 1 de outubro. A profesora impartirá este mesmo obradoiro no CEIP de Vite I e no CEIP Raíña Fabiola os días 8 e 9 de outubro. O CEIP Mestre Rodríguez Xixirei acollerá o 5 de outubro o taller Falando cos superordenadores, impartido por Mª José Rodríguez Malmierca e Natalia Costas, investigadoras do CESGA. O mesmo taller desenvolverase no CEIP Raíña Fabiola o 5 de outubro. Finalmente, no CEIP de Vite I, o 7 de outubro, impartirase a actividade de divulgación Xogando coa luz, impartido por Maite Flores Arias, profesora da Área de Óptica da USC.
As nosas tecnólogas volven aos colexios de Santiago na procura de novas fichaxes
Compartir Este Artigo

