A aceleradora Business Factory Aero (BFAero), integrada no Polo Aeroespacial de Galicia (no marco da Civil UAVs Initiative, CUI, da Xunta de Galicia), lanzou un ciclo de charlas en liña para, entre outras cousas, abordar en detalle as últimas novidades no sector dos drons e avaliar os moitos e variados nichos de desenvolvemento e mercado que estes ofrecen (e as posibilidades, moitas, das nosas empresas neste ámbito). O ciclo #FlyDays, que contará coa presenza de expertos en vehículos non tripulados, chega en pleno proceso de captación da terceira convocatoria da aceleradora, que seleccionará sete novos proxectos e cuxo prazo remata o vindeiro 22 de outubro ás 14.00 horas.
O programa #FlyDays celebrarase os próximos tres venres de outubro (2, 9 e 16 de outubro) ás 11.00 horas. Para asistir é necesaria inscrición previa a través das ligazóns que poden atoparse no apartado de noticias da web de BFAero.
Nos webinars as principais entidades, empresas e proxectos do ecosistema de BFAero ofrecerán a súa visión sobre o sector. Ademais, cada sesión virtual contará co protagonismo dun dos proxectos das dúas primeiras edicións de BFAero: UAVSWorks, Raytrack e Generadron. Cada un deles presentará novas solucións innovadoras con drons e participará nas mesas redondas para debater sobre as temáticas de cada día.
Nos webinars participarán expertos do sector, como representantes das empresas tractoras de BFAero, Indra e Babcock, e membros da Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), a Escuela Técnica Superior de Ingeniería Aeronáutica y del Espacio de la Universidad Politécnica de Madrid (ETSIAE), o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) ou o Consorcio Aeronáutico Galego (CAG).
Presentación virtual da convocatoria en Madrid con ETSIAE
Por outra banda, este xoves 1 de outubro a Business Factory Aero celebrará tamén unha presentación virtual en Madrid xunto coa Escola Técnica Superior de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo (ETSIAE) da Universidade Politécnica de Madrid (UPM) na que falarán sobre as oportunidades do sector. Abrirá o evento a directora da ETSIAE, Cristina Corno, e no mesmo participará a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, así como membros do IGAPE, Indra, Babcock España, actúaUPM e representantes de proxectos de edicións anteriores de BFAero como Raytrack e Contact Drone.
Ligazóns directas de inscricións nos webinars de #FlyDays
· 2 de outubro: Webinar #01: Despegando en vertical (UAVSWORKS).
· 9 de outubro: Webinar #02: Pon o radar! (Raytrack).
· 16 de outubro: Webinar #03: Que non pare a máquina! (Generadron).
Presentación virtual con ETSIAE (1 de outubro): Oportunidades do sector aeronáutico con BFAero
BFAero lanza o ciclo de webinars #FlyDays para presentar as últimas novidades nos drons
Compartir Este Artigo

