As entidades estatais SEDIA, SGAD e Red.es lanzaron este primeiro de outubro o terceiro Desafío Aporta, a edición 2020 dun reto xeral que recoñecerá as ideas e prototipos que sexan quen de identificar novas oportunidades de captar, analizar e empregar a intelixencia dos datos no avance da educación, un obxectivo que, en palabras de Red.es, “cobrou aínda maior relevancia no escenario xerado pola COVID”. Un xurado experto seleccionará tres proxectos gañadores entre as propostas recibidas de todos os recantos do ámbito estatal, que serán premiados con 4.000, 3.000 e 2.000 euros.
Nas bases especifícase que “calquera persoa física ou xurídica da Unión Europea, tanto de forma individual como en equipos, poderá participar neste Desafío Aporta”, que levará a cabo en dúas fases: a presentación de ideas, e o desenvolvemento e defensa do prototipo. O concurso de ideas ficará aberto ata o 18 de novembro, e as propostas que se presenten deberán partir da utilización de polo menos unha fonte de datos abertos publicada para a súa reutilización polas administracións públicas, xa sexan nacionais ou internacionais. Un xurado encargarase de avaliar as propostas e seleccionará as 10 mellores conforme a criterios como o impacto, a calidade e a relevancia.
Polo que respecta á segunda fase, nas bases dise que os participantes cuxas ideas fosen seleccionadas previamente disporán de 3 meses para desenvolver o prototipo asociado e presentarano ante os membros do xurado. Dita presentación realizarase, ben presencialmente en Madrid, ou ben virtualmente de acordo coa decisión que Red.es estime oportuna á vista da situación sanitaria na que nos atopemos. As tres mellores propostas serán premiadas con 4.000, 3.000 e 2.000 euros.
Red.es premiará co Desafío Aporta as mellores contribucións á transformación educativa
Compartir Este Artigo

