A Cámara de Comercio de Santiago comezou o outono con formación tecnolóxica para acelerar a transformación das nosas empresas e do noso día a día profesional. As actividades, un total de catro, vanse desenvolver en colaboración coa Fundación INCYDE. O programa comeza cun Obradoiro sobre marketing dixital e redes sociais para impulsar o teu negocio no eido da economía social. Celebrarase do 14 ao 16 de outubro, en horario de 9.00 a 14.00 horas, en formato presencial (coas máis estritas medidas de seguridade sanitaria) no Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio de Santiago. Segundo informa a organización, as prazas son limitadas e as inscricións xa poden formalizarse a través da web da Cámara.
Os obxectivos do obradoiro son, entre outros, os seguintes: dotar aos asistentes dunha “visión estratéxica sobre a mercadotecnia e a publicidade dixital”, achegarlles formación para que poidan autoxestionar a promoción dixital e os perfís en redes sociais “con criterios”, capacitalos para a realización de campañas sinxelas de publicidade online, familiarizalos cos criterios básicos dunha web ben deseñada e efectiva, e asesoralos de xeito individualizado para que desenvolvan correctamente o seu propio plan de marketing dixital (de acordo coas súas necesidades particulares).
O taller vai destinado a grupo promotores, persoas interesadas en emprender e membros de entidades de economía social.
A Cámara de Santiago mergúllanos no potencial das redes sociais para impulsar a economía social
Compartir Este Artigo

