O vindeiro xoves 15 de outubro, con motivo da conmemoración do día internacional contra a escravización, a explotación e a prostitución, vaise celebrar a novena edición das Xornadas da Rede Galega contra a Trata Sexual, organizada pola organización que recibe o mesmo nome e que está constituída por ata 11 entidades galegas do terceiro sector. Os encontros diríxense a dar cabida a profesionais que “desexen enriquecer e compartir os seus coñecementos”, así como a toda a cidadanía interesada na realidade na que viven as mulleres que están exercendo a prostitución ou que a sofren como arma de violencia machista.
Celebraranse de xeito virtual (por mor da situación sanitaria) e contará coa presenza de mulleres referentes no eido tecnolóxico, como por exemplo as youtubeiras Towanda Rebels, que serán as encargadas de inaugurar a xeira de intervencións (ás 10.30 do día 15) logo da apertura oficial da Secretaría Xeral de Igualdade.
Lembrar que as activistas Teresa Lozano e Zua Méndez son as impulsoras da canle de comunicación Towanda Rebels, un altofalante activo no Youtube onde Teresa Lozano e Zua Méndez, comunicadoras e amigas, atopan no feminismo unha forma de ser, de entender e de mirar a vida.
Todas as persoas que así o desexen, poderán acceder a todos os relatorios das xornadas a través da canle de Youtube oficial da Rede Galega Contra a Trata Sexual (@RedeGalega). Amais, achegarase a posibilidade de participar activamente nas charlas a través dun chat en vivo para formular preguntas ou traer temas a debate que serán interpretados por cada relatora ao remate da súa intervención.
Towanda Rebels inaugurará as xornadas da Rede Galega contra a Trata Sexual
Compartir Este Artigo

