Este martes 13 presentouse o programa Turismo 100×100 de asesoramento e consultaría en liña para o noso sector turístico, sen dúbida un dos grandes afectados das graves consecuencias económicas, sociais e sanitarias da COVID. No acto participou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, quen lembrou que o programa vén cunha contía de 150.000 euros e que se insire nun marco de colaboración formalizado co Clúster de Turismo de Galicia. Ao acto tamén acudiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. O acordo recolle a posta en marcha deste programa que permite axudar ás pemes e autónomos do sector adaptarse ás medidas esixidas pola pandemia e poñerse ao día en todo o relativo á mercadotecnia dixital.
Segundo fixeron saber, a día de hoxe son máis de 50 empresas as que se interesaron por Turismo 100×100, desde aloxamentos de diversa tipoloxía a axencias de viaxe, pasando por restaurantes, adegas, empresas náuticas, pazos de congresos, salas de eventos ou empresas de turismo activo. Nestes intres xa hai 27 servizos en marcha, centrados principalmente en áreas como a planificación estratéxica ou o marketing dixital.
Trátase, engadiron, “dun servizo personalizado e de balde que ofrece asesoramento técnico especializado por parte de expertos do Clúster e do departamento de consultaría do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG)”. Cada empresa pode optar a un total de 5 sesións de 2 horas cada unha, nas que os técnicos lle proporán solucións relacionadas co ámbito que lle interese: planificación estratéxica, finanzas, recursos humanos, marketing e vendas, novas tecnoloxías, así como a resolución de problemas legais, fiscais e laborais.
Xunta e Clúster xuntan forzas para axudar ao sector turístico a transformarse tecnoloxicamente
Compartir Este Artigo

