A Vuelta España xa está en marcha (este martes con saída en Irún), co pelotón ciclista percorrendo a xeografía estatal acompañado de tecnoloxía vangarda: a cobertura 5G que achega a operadora Movistar, partner tecnolóxico do evento deportivo. A compañía de telecomunicacións, que cualifica a experiencia deportiva como “a Vuelta máis conectada da historia”, informa de que o 5G xa está aceso en concellos de 11 das etapas das 18 polas que pasarán os deportistas. Esta presenza súmase á cobertura do 99% en 4G e 3G.
O percorrido que se compón de 18 etapas cubrirá unha distancia total de 2.882,8 quilómetros. Desde o martes 20 de outubro ata o domingo 8 de novembro, a tecnoloxía de banda larga móbil ultrarrápida proporcionará, en palabras de Telefónica, “a mellor conexión a todos os usuarios, nun ano atípico no que se anima aos seareiros a vivir a carreira desde casa para evitar aglomeracións”.
A Volta arrinca en Irún, unha das localidades de Euskadi que conta con cobertura 5G, no resto das etapas, entre os municipios que xa dispoñen da nova rede son: Garray, Vitoria, Logroño, Castro Urdiales, Pola de Laviana, A Coruña, Lugo e Madrid.
Segundo engade Movistar, “a nova tecnoloxía móbil aumenta a velocidade de conexión, e reduce ao mínimo a latencia (o tempo de resposta da web) e multiplica de xeito exponencial o número de dispositivos conectados”. Con estes vimbios, a operadora quere garantir que os usuarios poidan gozar de retransmisións deportivas en directo “nas que se terá unha experiencia 360º” e permitiráselles visualizar calquera ángulo da etapa “coma se estivese no percorrido, sen interrupcións ou latencia”. Ademais, o 5G permite que o teléfono móbil poida ter a mesma accesibilidade que se se estivese na pantalla do computador de casa ou nun vídeo consola.
Movistar acompaña aos deportistas e seareiros de La Vuelta coa súa tecnoloxía 5G
Compartir Este Artigo

