Este 28 de outubro toca falar novamente das máis avanzadas tecnoloxías e, sobre todo, traballar arredor delas. As Xornadas Tecnolóxicas R, que se desenvolven este mércores nun edificio virtual habilitado ex profeso e baixo o lema Data Driven Company, porán o punto de mira nun proceso de transformación dixital que, dende todas as frontes, cómpre que fagamos chegar a todos os cidadáns e todas as empresas (tendo en conta os beneficios máis que probados deste proceso para asegurar a continuidade de moitas das actividades que se viron afectadas pola pandemia). Haberá conferencias e exposicións online e máis sesións virtuais de networking. Organiza a operadora galega R.
Contarase coa presenza de senlleiras expertas en transformación, como Nuria Oliver, enxeñeira de Telecomunicación, investigadora, divulgadora científico-tecnolóxica e doutora e recoñecida experta en Intelixencia Artificial e Big Data, que impartirá unha conferencia na que reflexionará sobre as claves estratéxicas do novo escenario dixital en que vivimos. Tamén se presentarán experiencias reais e casos de éxito da man de socios tecnolóxicos como Data Robot e Datu(a) e de empresas como eBroker, o Grupo Euskaltel ou o Grupo Cuevas.
Data Driven Company, benvido ao futuro dixital, é o lema baixo o cal abordaranse temáticas variadas, como a Intelixencia Artificial Aplicada, as comunicacións do futuro, a empresa dixital, a nova normalidade e as necesidades que xorden dela, a nube híbrida ou os servizos IT. “Nesta xornada”, sinala R, “as empresas asistentes poderán coñecer como a tecnoloxía e os datos serán a panca clave para o seu crecemento e competitividade”.
As xornadas diríxense a empresas interesadas en iniciar, ou que iniciaran xa, un proceso de dixitalización, e coas que R compartirá experiencias e casos reais de compañías que afrontaron con éxito os novos retos de negocio motivados pola innovación tecnolóxica.
Nuria Oliver
Nuria Oliver, enxeñeira de Telecomunicación, doutora polo Media Lab do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), investigadora, divulgadora científico-tecnolóxica e recoñecida experta en Intelixencia Artificial e Big Data, impartirá unha conferencia para abrir a xornada, na que reflexionará sobre as claves estratéxicas do novo escenario dixital que se abre no mundo hiperconectado, volátil e cambiante no que vivimos e no que temos máis solucións tecnolóxicas que nunca.
Explicará como desenvolver unha correcta estratexia de xestión do dato e que tecnoloxías están a empregar as empresas para obter novos modelos de negocio, para converterse en empresas dixitais, máis áxiles e con maior grao de automatización. Abordará o estado da Intelixencia Artificial, unha realidade que, segundo adianta, “cómpre aproveitar” e pola que “hai que apostar de xeito claro”.
A cita terá como punto de partida o contexto tecnolóxico actual, no que os datos son xa “o activo máis importante das empresas” e representan “a clave na estratexia de dixitalización para adaptarse á nova realidade dixital”. En palabras da organización da xornada, “a adopción axeitada das denominadas tecnoloxías habilitadoras, como o Big Data, a Internet das Cousas e a Intelixencia Artificial, van ser necesarias no tratamento e no aproveitamento dos datos e, polo tanto, no éxito e a supervivencia das empresas”.
Nas xornadas presentaranse, por unha banda, experiencias reais da man de empresas como eBroker, o Grupo Cuevas ou o Grupo Euskaltel, a través de BAI Analytics, onde o seu responsable, Ignacio Vilaplana, explicará como a información pode ser “unha panca de crecemento para as empresas e cales son os beneficios da Intelixencia Artificial”. E, doutra banda, mostraranse as claves do éxito da xestión dos datos e como aplicar a IA na empresa da man dos nosos expertos DataRobot e Datu(a).
Acompañamento e proximidade
Con motivo de presentar as xornadas, R lembrou o seu “papel relevante e referente” nas devanditas tecnoloxías. Para Isidro Fernández de la Calle, director corporativo de Empresas de R e do Grupo Euskaltel, as Xornadas Tecnolóxicas R son un punto de encontro coas empresas “co que tomamos o pulso do estado da tecnoloxía nas compañías, co obxectivo de poder atender de forma máis certeira e próxima os seus requirimentos e necesidades neste ámbito. A empresa adaptada á nova realidade require dun acompañamento experto que lle axude a afrontar os retos con solucións reais. R traballa moi de preto coas empresas, a carón delas, apostando polas últimas tecnoloxías, aproveitando as capacidades dos seus centros de datos para ofrecer plataformas IoT e Big Data en modo servizo e, en relación á Intelixencia Artificial, creando BAI Analytics”.
Plataforma virtual
A imposibilidade de celebrar de forma presencial esta edición das Xornadas Tecnolóxicas R obrigou a buscar novos escenarios online. Por iso, este ano os asistentes vivirán, en palabras da operadora, “unha tech experience virtual especificamente creada para este evento”.
Utilizando a tecnoloxía como aliada, R conseguiu que as e os asistentes ás Xornadas Tecnolóxicas poidan percibilas “coma se estivesen de verdade nelas, reproducindo a realidade dun edificio con auditorio, salas de conferencias, salas para networking e amplos espazos expositores, só con premer en cada sección”.
Trátase, engade a empresa, dun edificio virtual onde se poderán seguir os relatorios, acudir aos espazos de demostracións tecnolóxicas ou escoitar e participar activamente nos relatorios e charlas temáticas. Tamén haberá un espazo onde visitar os postos das principais empresas do sector que colaboran no evento: Cinfo, Cisco, Citrix, DataRobot, Flame Analytics, Fortinet, HSI, Merkatu, Microsoft, Panda, Plexus, S21, Shooowit ou VMWare, entre outros.
R habilita un edificio virtual para as Xornadas Tecnolóxicas que celebra este 28 de outubro
Compartir Este Artigo

