A respecto da denuncia formalizada pola PSPD contra R Cable ante a Secretaría de Estado para o Avance Dixital, da que falamos hoxe en Código Cero (poñendo de manifesto que en opinión da PSPD o mecanismo de presentación de reclamacións vía Internet da operadora presenta “irregularidades”), a compañía galega de telecomunicacións emitiu un comunicado para clarificar o devandito mecanismo. Segundo fai saber, “para axilizar e dinamizar o servizo cunha resposta en liña, dende hai algún habilitouse un chat que aparece ante as e os clientes cando acceden ao apartado de reclamacións do seu espazo en liña, e se se dese o caso de que o chat non estivese dispoñible por ser unha consulta fóra de horario, o sistema reconduciría aos internautas a outro apartado para escribir unha suxestión, queixa ou reclamación”.
Neste outro apartado o cliente pode estenderse canto queira, engade a operadora galega, explicando que “en función do contido da mensaxe, a información vai parar a un departamento interno que o recolle para, no seu caso, xestionalo como reclamación, solicitude ou avaría, segundo sexa”.
R puntualiza que as reclamacións xestiónanse e rexístranse en todos os casos como tales, “e seguindo o procedemento que dende sempre se ten posto en práctica na empresa sen problema”.
A compañía engade que ten pasado e superado “rigorosamente” as correspondentes Auditorías de Servizo e de Calidade da facturación para revisar as queixas abertas. A maiores, R acompaña estes servizos con mensaxes SMS dirixidas á comunidade de usuarias e usuarios nas que se lles indica o identificador da apertura das reclamacións para que poidan facer o seguimento delas, “aspecto este que os auditores tamén se encargan de comprobar”.
R pon en valor a súa xestión de reclamacións e destaca que todas elas son xestionadas como tales
Compartir Este Artigo

