A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal desexa sumarse á celebración do Mes da Ciencia en galego nas bibliotecas e, con este motivo, ten previsto un completo e diverso programa de actividades a desenvolver ao longo do mes de novembro. A axenda comeza o 7 de novembro ás 12.00 horas no salón de actos, co contacontos Xogando coas cores de Beatriz Iglesias, unha cita orientada a nenas e nenos de de 3 a 8 anos. As actividades literario-científicas proseguen o 14 de novembro ás 12.00 horas, con outra narración oral: Ciencia e tecnoloxía na volta ao mundo de Julio Verne, a cargo de Ciencia Kids – Divulgación científica. Será tamén un espectáculo para crianzas de entre 3 e 8 anos.
O mércores 11 de novembro celebrarase un obradoiro científico para a rapazada. Consistirá (tamén no salón de actos) nun taller de de Iniciación á programación robótica- Proxecto de reciclaxe que será impartido polos profesionais-divulgadores de VermisLab, responsables da feira compostelá Galicia Maker Faire, o acontecemento argalleiro máis importante da nosa terra. No transcurso deste obradoiro, as nenas e nenos integrarán a robótica no pensamento sustentable e terán ocasión de programar robots capaces de facer unha reciclaxe selectiva para axudar a manter limpo o medio ambiente. A actividade está dirixida a nenas e nenos de 8 a 14 anos. O número máximo de participantes é de 12.
Amais de todo o devandito, o 18 de novembro ás 19.30 horas pasará polo salón de actos o científico José Manuel Castro Tubío, que achegará a charla científica Todo o que debes coñecer do cancro para tentar evitalo. Jose Tubío (Santiago de Compostela, 1978) é director do grupo de xenomas e enfermidade na Universidade de Santiago.
Coa finalidade de completar este Mes da Ciencia, a biblioteca ofrece ao longo do mes de novembro as seguintes mostras bibliográficas: Viaxes no tempo no andar baixo, na zona de hemeroteca na que se exporá unha selección de obras de banda deseñada de ciencia ficción e fantásticas que tratan sobre as viaxes no tempo; Ciencia en galego no terceiro andar cunha escolma de obras sobre investigación na nosa lingua que ten o obxectivo de sensibilizar ás lectoras e lectores sobre a necesidade de empregar o galego na literatura científica e divulgala; e Astronomía na sala infantil.
A Biblioteca celebra o Mes da Ciencia con narracións oral e un obradoiro maker a cargo de VermisLab
Compartir Este Artigo

