O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiu conceder o Premio Iniciativa Empresarial á aplicación móbil Localsafe, a primeira app do ámbito estatal que permite aos cidadáns buscar establecementos seguros fronte á COVID-19. O galardón, como a resto dos premios que entrega anualmente o Colexio, entregarase no marco da XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para o 27 de novembro no Hotel OCA Porta do Camiño de Santiago de Compostela, unha gala que virá este ano cun formato mixto (presencial e virtual) e que xuntará as empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas sobranceiras no ámbito da Enxeñaría en Informática.
Localfase: orixe, obxectivos e logros
Localsafe foi desenvolvida pola empresa galega Amodo Soluciones, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- e especializada no desenvolvemento de software. O seu director executivo (CEO), Diego González, explica que a ferramenta axuda ao usuario a localizar de forma “áxil e cómoda” os diferentes establecementos adheridos que se sitúan no seu entorno e identificar, tamén, a valoración que posúen en aspectos de seguridade sanitaria, como as medidas sanitarias contra a COVID-19.
A aplicación está dispoñible en App Store e Play Store. As empresas interesadas poden inscribirse na web www.localsafe.es, onde ata o de agora xa hai máis de 17.000 negocios dos sectores do turismo, restauración, comercio, espectáculos, deporte ou saúde repartidos por todo o territorio nacional. “A boa acollida débese á necesidade dos establecementos de dar a coñecer os seus esforzos neste ámbito e poder así ofrecer máis seguridade aos seus clientes para volver á actividade normal”, sinala o xerente de Amodo Soluciones, Diego González.
Ademais, o Colexio salienta que varias institucións confiaron nesta iniciativa para acoller diferentes marcas de seguridade sanitaria. Nesta liña, Amodo Soluciones chegou a un acordo con diversas compañías de referencia na seguridade e calidade dos establecementos. Tamén a empresa iniciou unha campaña baixo o lema Protexe para protexer. “Moitos cidadáns senten a necesidade de saír a realizar a súa vida habitual, e gozar da mesma, sabendo que volverán a casa con total tranquilidade”, indica o xerente da empresa, engadindo que “a COVID-19 xerou unha brecha de confianza entre establecementos e usuarios que a aplicación pretende reducir. Un dos motivos do seu éxito é a confluencia na mesma dos esforzos de gran parte da sociedade”.
Localizador de locais con diferentes niveis de seguridade
Mediante a app, os usuarios poden filtrar os establecementos segundo a actividade realizada e observar as medidas de seguridade habilitadas en cada un deles mediante un cómodo sistema de clasificación. A aplicación conta cun buscador de diferentes tipos de establecementos, un localizador daqueles que dispoñan do selo Localsafe na contorna do usuario, unha descrición de cada un dos locais, unha valoración realizada polos propios usuarios de cada un deles, xunto a unha clasificación por niveis de seguridade.
Segundo as diferentes medidas en elementos de seguridade, os establecementos poden contar na aplicación con distintivos Silver, Gold e Platinum. “Todos os locais distinguidos terán implantadas as medidas mínimas de seguridade que permitan unha experiencia segura, pero evidentemente algúns deles contan con medidas especiais que os usuarios deben coñecer, como é o caso dunha certificación por un organismo externo á empresa que teña verificado a implantación de protocolos específicos”, explica o xerente da firma.
A aplicación galega Localsafe, Premio Iniciativa Empresarial do CPEIG
Compartir Este Artigo

