A Deputación da Coruña e a UDC deron novos e importantes pasos en materia de divulgación científica, innovadora e tecnolóxica. Este luns 16 o presidente da entidade provincial, Valentín González Formoso, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron un convenio de colaboración entre ambas entidades acompañados do deputado de Cultura, Xurxo Couto. O acordo vai dirixido a reforzar a programación cultural e científica da UDC, unha liña de traballo para a que a Deputación contribúe con 70.000 euros, o 80% do orzamento total que a UDC dispón para este fin, que ascende a 87.500 euros.
A programación inclúe obradoiros, xornadas e exposicións divulgativas como por exemplo a competición tecnolóxica First Lego League 2020, a celebración STEM do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia ou os Premios Isabel Zendal. Este acordo de colaboración tamén serve para financiar outro tipo de actividades como obradoiros creativos, residencias artísticas, danza e teatro, o coro da UDC, roteiros, a Biblioteca Virtual Galega…
González Formoso destacou que “é importante apoiar as iniciativas culturais e innovadoras que se fan desde a comunidade universitaria e que, curso tras curso, están a ter unha moi boa acollida por parte de alumnado e do profesorado”.
Pola súa banda, Abalde subliñou a importancia deste convenio que “vai permitir manter actividades culturais transversais para a toda a comunidade universitaria nuns tempos complicados, nos que a cultura se revelou fundamental”.
A Deputación da Coruña brinda ao seu apoio ao programa de divulgación científica e TIC da UDC
Compartir Este Artigo

