Nos últimos meses puidemos ver como Facebook, Messenger, Instagram e WhatsApp cada vez entretecían máis as súas funcionalidades, como posibles medidas de contención ante a posibilidade de que os reguladores quixesen segregar a compañía, e finalmente chegou o temido momento para a compañía de Mark Zuckerberg.
Finalmente a Comisión Federal de Comercio (FTC) presentou unha denuncia contra Facebook, argumentando que a compañía mantivo ilegalmente o monopolio nas plataformas de redes sociais de carácter persoal a través dunha conducta anticompetitiva ao longo de varios anos. Esta acusación está apoiada por unha longa investigación realizada coa colaboración dos fiscais xerais de 46 estados, o Distrito de Columbia e Guam.
As accións de Facebook para dominar o mercado eran evidentes, como a compra de Instagram en 2012, a adquisición de WhatsApp en 2014 e a imposición de condicións aos desenvolvedores de software que atentan á competencia (poñen como exemplo como Facebook retirou a Vine a posibilidade de consultar a listaxe de amigos de Facebook dos seus usuarios), de xeito que resulta evidente que Facebook procuraba evitar as ameazas ao seu monopolio, prexudicando claramente aos consumidores, que quedan con poucas opcións nas redes sociais a través da Internet, e tamén aos anunciantes (que non poden beneficiarse das vantaxes da competencia).
A FTC pretende que Facebook se desfaga de Instagram e WhatsApp, se impoñan condicións a Facebook para que non poida continuar coas súas prácticas anticompetitivas e tamén teñan que recibir autorización para futuras compras e fusións.
As contramedidas despregadas por Facebook poderían evitar que a FTC poida saír coa súa, xa que na actualidade segregar Facebook e Instagram sería bastante complexo, pero nos vindeiros meses iremos vendo como prospera a causa, e se Facebook corrixe dalgún xeito a súa estratexia corporativa para relaxar as medidas que poidan adoptar contra a compañía que, lembremos, mentiu descaradamente antes as autoridades cando informou sobre adquisicións como a de WhatsApp (ante a Comisión Europea declararon que sería imposible integrar as contas de Facebook coas de WhatsApp).
A FTC quere que Facebook se desfaga de Instagram e WhatsApp
Compartir Este Artigo
