O Consello da Cultura Galega vai organizar unha xornada para avaliar en detalle o estado de saúde, nestes tempos de crise sanitaria, da comunicación científica. En concreto, afondarase en cuestións como as mentiras pseudocientíficas que se espallan nas redes socias, a proliferación de novas erróneas ou interesadas ou o crecente desinterese da cidadanía ante a información desta índole.
A xornada A comunicación da ciencia en tempos de pandemia está coordinada por Iolanda Casal e conta coa participación de figuras como o filósofo e matemáticos Javier Echeverría ou Pampa García, Gema Revuelta ou Sonia Villapol. O CCG informa de que este martes serán subidos á Rede os relatorios gravados dos participantes e o xoves 4 ás 18:00 horas celebrarase o debate en directo.
O Consello da Cultura detalla que a cita vai dirixida a “afondar en conceptos como o da propia infodemia e o da tecnociencia na nova realidade da COVID-19”; a “incidir na aposta internacional polo coñecemento en aberto na procura de acelerar a obtención de resultados contra esta doenza”; e a mostrar as dificultades que atopa o xornalismo científico no seu día a día. Asemade, ofrecerase unha ollada comparada ao relato da pandemia en distintos países e revisarase tamén a evolución do ecosistema da comunicación científica relacionada coa saúde nas últimas décadas.
Para isto conta coa presenza de Javier Echeverría, filósofo, matemático e Premio Nacional de Ensaio; Pampa García Molina, redactora xefa da axencia SINC; Gema Revuelta, directora do Centro de Estudos de Ciencia, Comunicación e Sociedade (Universitat Pompeu Fabra) e vicepresidenta da Asociación Española de Comunicación Científica e Sonia Villapol, investigadora e profesora do Texas Medical Center de Houston e forma parte do Covid International Research Group.
Dinámica da actividade
Este martes 2 de febreiro publicaranse na web da institución os relatorios gravados previamente e o xoves 4 de febreiro terá lugar ás 18:00 horas o debate en directo na mesma páxina coas catro persoas relatoras, moderado polo xornalista e membro da Sección, Manuel Vicente. Pódese ver en directo, tamén na canle da institución en Youtube, ou en diferido. O público pode participar no foro habilitado de Youtube para o debate en directo ou, en calquera momento, a través do correo participa@consellodacultura.gal.
A organización desta xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, coordinada por Elena Vázquez Cendón.
As dificultades da divulgación científica nas redes sociais, ao detalle esta semana nunha xornada do CCG
Compartir Este Artigo

