Aínda que a tecnoloxía de realidade mixta aínda está lonxe de converterse de consumo de masas, non cesa de avanzar en ámbitos profesionais, e como mostra diso dende Microsoft dan conta das posibilidade das HoloLens 2 para a cirurxía remota. Comentan concretamente o caso dun grupo de cirurxiáns que colaboraron virtualmente dirixidos polo profesor Thomas Grégory (cirurxián ortopédico e traumatólogo) do hospital parisiense Avicenne dende situacións remotas na India, Brasil, Bolivia, México, EE.UU. e Marrocos, entre outras.
Para dar visibilidade a estas innovacións Microsoft organizou un evento de 24 horas de duración no que amosarán en aberto 12 cirurxías ortopédicas realizadas coa colaboración en remoto de eminencias médicas de 13 países distintos, e que terá lugar o vindeiro 9 de febreiro. Durante o evento será posible apreciar o uso de HoloLens 2 para proporcionar aos cirurxiáns información relevante proxectada directamente sobre as súas retinas, de xeito que ven directamente a información sobre o campo cirúrxico, deixando as súas mans libres durante a intervención. HoloLens 2 tamén permite ter acceso rápido aos datos do paciente, información complementaria, e incluso probas diagnósticas por imaxe.
Con HoloLens 2 e Dynamic 365 Remote Assist os cirurxiáns poden visualizar e realizar a cirurxía coa axuda de hologramas que poden colocar libremente no campo cirúrxico; compartir o campo de visión do cirurxián en tempo real, beneficiándose da experiencia de outros expertos conectados en remoto; e capacitar aos seus compañeiros de xeito remoto, enriquecendo as súas prácticas cirúrxicas.
HoloLens 2 facilita a cirurxía en remoto
Compartir Este Artigo
