Hai uns meses nVIDIA ofreceu 40.000 millóns de dólares para facerse con ARM Limited, a empresa que está detrás da tecnoloxía na que se basean os procesadores da meirande parte dos dispositivos móbiles do mercado, prometendo que coa operación non buscan a absorción de ARM, senón un estreitamento da relación entre ambas compañías, de xeito que manterían os acordos de licenzas de ARM con numerosos fabricantes de todo o mundo.
Queda agora que distintos reguladores dean o visto e prace a tal operación que podería ter grandes repercusións a nivel de competencia, e segundo publica Bloomberg, compañías como Google, Microsoft e Qualcomm terían presentado queixas pola proposta de adquisición de ARM Limited por parte de nVIDIA.
A preocupación pola adquisición de ARM por parte de nVIDIA parece máis que fundada, xa que nVIDIA podería limitar o acceso á tecnoloxía de ARM aos seus competidores ou elevar os prezos para licenzala, e haberá que ver se os reguladores de EE.UU., Reino Unido, a Unión Europea e China autorizan a operación e, en dito caso, se a condicionan ao cumprimento das promesas de nVIDIA, pois a longo prazo o control de ARM por parte de nVIDIA podería dar pé a unha posición dominante que faría perigar un dos alicerces tecnolóxicos actuais.
Preocupación ante a oferta de compra de ARM por parte de nVIDIA
Compartir Este Artigo
