Algunhas tendas en liña teñen ofertas moi rechamantes que fan sospeitar da súa veracidade, e en moitas ocasións, aínda que boa parte das operacións deses establecementos virtuais son ordinarias, atópanse problemas que chegan a ser moi serios con pedidos que non se atenden ou devolucións de cartos que se eternizan, o que parece ser o caso de Costo Móvil, tenda en liña moi ben situada en plataformas como Google Shopping, e que nos últimos meses foi a fonte de tantas denuncias que a Policía Nacional procedeu hai uns días á detención de 2 persoas pola súa presunta autoría dun delito continuado de estafa.
A investigación que comezou o pasado mes de xuño ante o volume de denuncias recibidas por non entregar os produtos vendidos nin devolver os cartos ás súas vítimas, e tras analizar o acontecido procedeuse á detención da administradora da sociedade e do seu contacto técnico, aos que se lles imputa un total de 126 estafas ao longo da xeografía española que poderían ascender a un valor de 58.735 euros. Destacan que o contacto técnico da compañía tiña antecedentes por feitos semellantes (era administrador único de dúas páxinas web, Mytelecom e Nanoprecios, co mesmo modus operandi).
A autoridade xudicial decretou a suspensión catelar da páxina web dende a que actuaban, que sorprendentemente segue en liña, aínda que a súa pasarela de pagamentos vén de ser cancelada, de xeito que xa non será posible que continúen a defraudar aos consumidores.
Resulta bastante sorprendente que unha tenda en liña cun historial de fraudes tan amplo e uns antecedentes tan negativos (Mytelecom e Nanoprecios acumularan reclamacións por máis de 60.000 euros) puidese operar durante tanto tempo e manter boa reputación en plataformas como Trustpilot, onde consegue un 4,2 sobre 5, cun 76% de opinións que consideran que o servizo da tenda é excelente. Escenarios así fan que os consumidores perdan a confianza no comercio electrónico que vaia máis aló de establecementos consolidados no tempo e/ou con tendas físicas.
A tenda Costo Móvil investigada por presunta estafa continuada
Compartir Este Artigo
