O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) de DXC Technology, con sede na Cidade da Cultura de Galicia, vén de convocar a quinta edición do Hackathon Big Data & Analytics. Será os días 21 e 22 de maio de 2021 no dito complexo compostelán do monte Gaiás. Celebrarase en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA e a madeireira galega FINSA. A intención das entidades organizadoras é manter o alto nivel de participación e repercusión do evento, que se vén celebrando dende 2017, e mesmo superalo. O número total de participantes nas catro edicións previa superou o centenar.
Concorreron nas convocatorias anteriores analistas, investigadores, universitarios, emprendedores e persoas con inquietudes tecnolóxicas relacionadas co análise de datos, a estatística, o aprendizaxe automático, a análise de datos a gran escala (Big Data) e a Intelixencia Artificial.
A iniciativa forma parte das iniciativas do Plan Digitalent da AMTEGA para promover as vocacións tecnolóxicas, un ámbito no que DXC quixo redobrar o seu compromiso coa potenciación e desenvolvemento do sector galego das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
Nesta edición, segundo fan saber as entidades organizadoras, o desafío será proporcionado pola empresa galega FINSA, dentro das súas iniciativas no marco de Industria 4.0.
As anteriores edicións dos hackathons organizados polo CEIN estiveron vencelladas a ámbitos tan dispares como o estudo da mobilidade dentro de centros comerciais, a análise das redes sociais dos xogadores do equipo de baloncesto CAB Obradoiro, o estudo de datos medioambientais para mellorar a calidade de vida da cidadanía ou o desenvolvemento de ferramentas de apoio á toma de decisións para afeccionados e profesionais do mar e dos deportes acuáticos.

Cambios na metodoloxía
Tradicionalmente o hackathon viña levándose cabo en dúas xornadas. O venres as 17:00 facíase unha presentación, por parte do director do CEIN. Tras ela, comezaba una sesión de traballo ata as 20:00 horas que continuaba o sábado a partir das 9:00. Tras un xantar conxunto de todos os participantes, a partir das 18:00, cada equipo presentaba a súas solucións e o xurado avaliaba e seleccionaba aos gañadores.
Nesta ocasión, en función da situación provocada pola COVID, as actividades serán adaptadas ao estado no que se atope a Comunidade nese momento e serán anunciadas na web do evento.
Os premios divídense en dúas categorías: mellor solución global e cal mellor proposta de valor. Os gañadores serán elixidos por un xurado multidisciplinar formado por profesionais do CEIN e de FINSA.
A Cidade da Cultura acolle en maio a quinta edición do Hackathon Big Data & Analytics
Compartir Este Artigo

