Nun momento no que Clubhouse recibe unha valoración de 4.000 millóns de dólares, Facebook anuncia a súa aposta polo audio social con toda unha serie de elementos que encaixan no formato sonoro como a creación de ferramenta de edición sonora (para que os usuarios poidan traballar con audio do mesmo xeito a como actualmente se fai con fotografías), a estrea dun novo formato de audio social que chaman Soundbites (consistente en cortes sonoros de pouca duración), a posibilidade de escoitar podcasts directamente dende a aplicación de Facebook e, como elemento máis claramente inspirado en Clubhouse, a preparación de salas de audio en directo para Facebook e Messenger.
Estas novas salas de audio pretenden que cheguen a todos os usuarios de Facebook o vindeiro verán, buscando tanto que sexan grandes foros de diálogo ante o público como simples salas nas que poder conversar cos amigos. Facebook pretende integrar as salas de audio en directo en páxinas de celebridades e en grupos temáticos, ou sexa, que entenden que é unha boa solución para xerar conversa ao redor de celebridades ou de temáticas en concreto.
Cómpre salientar que Facebook xa ten sobre a mesa a posibilidade de que as salas de audio en directo poidan gravarse para logo distribuílas en formato de podcast, así como tamén pretenden que o servizo integre opcións de monetización, como pode ser a aceptación de doazóns por parte dos seareiros.
Temos así que Facebook pasará a competir directamente con Clubhouse e Twitter Spaces, e o feito de que sexa o último destes actores en chegar ao audio social non ten por que pasarlle factura, xa que é a plataforma que aglutina a máis usuarios, polo que ten máis facilidades para acadar o éxito nun mercado por explorar sobre o que hai moitas incógnitas.
Facebook anuncia as súas salas de voz en directo
Compartir Este Artigo
