A axencia AMTEGA fixo balance dos fitos recentes en materia de dixitalización xudicial, unha vertente de traballo que permitiu, entre outras cousas, bater récords en materia de vistas gravadas nos xulgados galegos (en marzo acadouse a cifra máis alta dende que se implantou o sistema: 10.175, un incremento do 124,47% con respecto ao mes anterior) ou que todas as sedes da nosa terra conten a día de hoxe co equipamento eFidelius (o que permite rexistrar audiovisualmente as vistas). Ademais, nos xulgados galegos hai 66 salas de vistas cen por cen dixitais dixitais (o 34% do total) e outras 60 atópanse en fase de licitación.
AMTEGA fai saber que as 66 salas galegas convertidas en dixitais dispoñen dun deseño e compoñentes destinados a facilitar o uso do Expediente Xudicial Electrónico durante a celebración das vistas. Estas salas integran o equipo de vídeo-conferencia que permite tamén a gravación das vistas no sistema eFidelius. As salas dixitais aseguran unha correcta visualización de todos os elementos do Expediente, tanto en papel como en soportes dixitais.
Por provincias, A Coruña dispón de 26 salas de vistas dixitais; Pontevedra ten 21; Ourense, 12 e Lugo, 7.
Na actualidade atópase en marcha o proceso de licitación para a subministración, instalación e posta en marcha de 60 salas dixitais máis, por un importe de 1,67 millóns de euros (AMTEGA fai saber que o prazo para a presentación de ofertas remata o 28 de abril).
As sedes xudiciais de Galicia dispoñen dun total de 185 equipos para a realización de vídeo-conferencias, das que 100 son fixos e 85 móbiles. A localidade galega con máis equipos desta índole é A Coruña, con 36; seguida de Vigo, con 21; Pontevedra, con 19; Ourense, con 16; e Santiago e Lugo, ambas con 13.
Por outra banda, no balance tamén se dá conta de que todas a sedes xudiciais de Galicia dispoñen tamén de sinatura electrónica integrada co sistema de xestión procesual Minerva. “Na actualidade, este sistema permite a presentación electrónica de procedementos monitorios civís e sociais para todos os nosos partidos xudiciais, e, tamén, a presentación electrónica de demandas de xuízo verbal nos órganos de Primeira Instancia da Coruña, Ourense e Lugo”, explica AMTEGA, engadindo que dende Minerva “os profesionais da xustiza poden descargarse os vídeos coas gravacións das vistas”.
No informe tamén se fai saber que durante o mes de marzo deste ano asináronse de xeito electrónico un total de 392.222 documentos, dos que o 96,42% foron tramitados dende Minerva. Os principais usuarios desta funcionalidade son os letrados da Administración de Xustiza, que rubricaron un 82,89% do total. Entre xaneiro e marzo de 2021 asináronse de xeito electrónico algo máis de un millón de documentos.
Os xulgados de Galicia emitiron entre xaneiro e marzo de 2021 máis de 2,2 millóns de comunicacións telemáticas a través do sistema LexNet. A maior parte delas foron notificacións (1,68 millóns) e escritos de trámite (483.000).
Todas as salas das nosas sedes xudiciais contan xa coa tecnoloxía eFidelius para gravar vistas
Compartir Este Artigo

