O Concello de Vigo presentou esta semana unha nova aplicación para facilitar a condución de residentes e visitantes, con vistas a incrementar a seguridade, a eficiencia e a sustentabilidade na estrada. Trátase de Vigo Driving, que foi cualificada polo alcalde, Abel Caballero, como “unha ferramenta pioneira en España para axudar á condución en tempo real, proporcionando datos sobre os tempos dos semáforos ou sobre o estado de tráfico nunha contorna concreta”. Pode usarse en 178 cruzamentos de toda a cidade e está dispoñible para a súa descarga en sistemas Android e iOS.
Tal e como expuxo o rexedor, a pantalla amosa o mapa da cidade e, segundo a nosa posición en cada momento, ofrécenos información sobre varios aspectos: semáforos (cor, tempo para cambio de fase e recomendación de velocidade, o que permite adaptar a condución en función de se é posible pasar ou non en verde, e evitando aceleracións e freadas bruscas, contribuíndo a diminuír as emisións e o consumo); alertas (fornecéndonos de avisos de retencións, obras, accidentes próximos… o que nos permite anticiparnos de forma segura nos percorridos e cambiar de itinerario); aviso de zonas sensibles (zonas escolares ou limitadas a 30 quilómetros por hora); información de tráfico (tempos de desprazamento estimado a puntos clave da cidade, avisos de cortes para planificar mellor a ruta); ou estacionamentos (localización e indicación de prazas dispoñibles).
O alcalde tamén fixo saber que o Concello destinou 172.000 euros ao desenvolvemento da app, que “supuxo a adaptación dos reguladores para a comunicación” e a entrada en xogo dun servidor na nube para almacenar a información na plataforma C-ITS que, segundo avanzou Caballero, “máis adiante permitirá habilitar corredores de prioridade semafórica para vehículos de emerxencias”.
Vigo Driving compleméntase coa aplicación móbil Vigo, onde pode consultarse o resto de servizos de mobilidade: tráfico en tempo real, cortes de tráfico, gasolineiras, puntos de recarga, cámaras de tráfico…
Vigo lanza unha aplicación pioneira para axudar en tempo real aos condutores
Compartir Este Artigo

