
Asistiron ao evento o presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio, outros membros do equipo de goberno e académicas e académicos da institución. Ademais, contouse coa presenza de autoridades como o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; e o secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro. Na cita tamén estivo presente o académico numerario da RAGC, Juan R. Quintás Seoane, quen ofreceu unha lección maxistral titulada A globalización en transición.
No acto procedeuse á investidura do catedrático emérito de Química Física da USC, Miguel Ángel Ríos Fernández (A Ponte Ulla, Vedra. 1935), como presidente de honra da Real Academia Galega de Ciencias. Cunha longa traxectoria como docente e investigador, o académico numerario da RAGC exerceu o cargo de presidente de 2014 a 2019 coa “convicción de que a Academia debe prestar un gran servizo a Galicia como entidade que promove e divulga a ciencia entre a sociedade”.
Durante o seu mandato, a RAGC puxo en marcha un programa acelerado de ingresos de novos académicos, coa toma de posesión de vinte numerarios, institucionalizouse o Día da Ciencia en Galicia coa exaltación do Científico Galego do Ano, convocáronse novos premios, actualizouse a orientación e o formato da revista da Academia, e pecháronse convenios de colaboración con diferentes entidades.
Tamén, Miguel Ángel Ríos foi secretario xeral de I+D da Xunta de Galicia, que lle serviu de experiencia para tomar as rendas da Real Academia Galega de Ciencias. “Temos que convencer á sociedade no seu conxunto de que a ciencia é esencial para manter o estado do benestar social e, polo tanto, hai que apostar por ela”, dixo, na súa investidura.
Pechando o acto, o actual presidente da RAGC, Juan Lema, presentou o avance dun traballo sobre a evolución da produción científica en Galicia, cunha análise comparativa entre Galicia e outras comunidades autónomoas e de universidades galegas e do resto de España, un estudo que se presentará proximamente de maneira global á comunidade científica galega. Como conclusións deste traballo, o presidente explicou que Galicia sitúase nunha posición media, desde un punto de vista cuantitativo e cualitativo, cunha tendencia diverxente á baixa con relación ao resto de España. Ademais, Lema manifestou a súa preocupación sobre a “aparente escasa presenza directa de proxectos sobre investigación e ciencia galegos” no programa de fondos europeos Next Generation EU, tanto desde as universidades como desde as administracións públicas.

