De cara ao Mobile World Congress de Barcelona houbo unha chea de manifestacións de importantes empresas do sector tecnolóxico en contra da celebración presencial da feira, que continúa prevista a partir do 28 de xuño, e agora é Samsung a que asegura que non acudirá a Barcelona, aínda que neste caso o fabricante surcoreano non queda totalmente de costas ao evento tecnolóxico, senón que asegura que participará no MWC a través da Internet.
Que o principal fabricante de smartphones a nivel mundial non vaia amosar os seus produtos en persoa no Mobile World Congress provocará unha grande perda de interese no evento, pero Samsung considera que a saúde e seguridade dos empregados, socios e clientes debe ser a súa prioridade, de xeito que limitarán a súa participación ao contorno virtual.
Tamén cómpre sinalar que os fabricantes dificilmente van presentar grandes novidades en Barcelona, xa que o MWC mudou de data, e o inicio do verán non é o momento propicio para a presentación de novos produtos. De feito, fabricantes tanto presentes como ausentes na feira xa realizaron a súas grandes presentacións hai uns meses, e non se espera que haxa grandes novidades ata o comezo do novo curso.
Samsung só participará virtualmente no Mobile World Congress
Compartir Este Artigo
