Na data significativa deste 12 de maio, cando se cumpre un século do pasamento da novelista galega Emilia Pardo Bazán, o Consello da Cultura Galega vén de subir á Rede o seu epistolario, grazas ao convenio asinado coa Real Academia Galega. Son 156 cartas enviadas e recibidas entre os anos 1879 e 1917 a diferentes interlocutores, como a súa amiga e comadre Carmen Miranda Armada; Eduardo Pondal; Marcelino Dafonte, director de La Voz de Galicia, José Alguero Penedo, notario de Betanzos e artista que colabora no deseño e decoración figurativa na construción das Torres de Meirás.
O epistolario preséntase no marco dun especial online que concentra máis información sobre a escritora galega, unha destacada precursora das correntes feministas actuais que foi, en palabras do CCG, “unha muller polémica, criticada e a un tempo tamén respectada intelectual”.
A correspondencia de Emilia Pardo Bazán que vén de subirse á Rede repousaba nos arquivos da Real Academia Galega ata o pasado mes de febreiro. No mesmo día en que se presentou unha nova edición do congreso internacional dedicado á súa figura, Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega (entidade depositaria do seu legado), asinaron un convenio que permitía a dixitalización e posta a disposición pública “da face máis íntima Emilia Pardo Bazán”.
O fondo epistolar dixitalizado consta de 156 cartas enviadas e recibidas entre os anos 1879 e 1917 con diferentes interlocutores. O núcleo central está composto por 87 cartas dirixidas á súa amiga e comadre Carmen Miranda Armada, que segundo lembra o Consello da Cultura, “permiten explorar o universo íntimo da escritora, no que fala da morte de seu pai, de como é a súa vida en París ou Madrid ou das súas continuadas viaxes”.
O CCG e a RAG soben á Rede o epistolario de Emilia Pardo Bazán
Compartir Este Artigo

