Este mes de maio é un mes histórico para o desenvolvemento da industria aeroespacial da nosa terra. O motivo? A aprobación este xoves, no Consello da Xunta, do Plan Estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia. Será, en palabras do conselleiro de Economía, Francisco Conde, “a folla de ruta a seguir para atraer investimentos e consolidar o ecosistema de innovación e de empresas que Galicia xa leva forxado en torno a este sector”. Estes e outros datos foron achegados polo vicepresidente económico durante unha visita aos hangares de Indra e Babcock na sede do Polo Aeroespacial, no aeródromo das Rozas (Castro de Rei, Lugo).
Conde subliñou que “con esta infraestrutura e coa urbanización da primeira fase do Parque Tecnolóxico e Industrial”, estanse a poñer á disposición da comunidade científica e empresarial “unhas instalacións únicas, avanzadas e de vangarda para desenvolver novos proxectos de base tecnolóxica no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados”.
Segundo dixo, actualmente están urbanizados máis de 31.400 metros cadrados “dos que máis de 7.100 son parcelas para empresas, cun investimento que suma 4,5 millóns de euros en total, incluídos os dous hangares”.
Segundo engadiu, coa aprobación do Plan Estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia trátase de “dar continuidade ao traballo realizado desde que en 2015 se puxo en marcha esta iniciativa, que xa mobilizou dez veces máis do investimento previsto, 164 millóns de euros en total, coa participación de 937 profesionais”. De feito, lembrou que o Polo Aeroespacial de Galicia é “un proxecto tractor e estratéxico na candidatura galega aos fondos Next Generation para o que a Xunta espera mobilizar máis de 500 millóns de euros”.
Horizonte 2025
De cara ao horizonte de 2025 e “co aliciente que supoñen os fondos europeos”, Conde informou de que a vista estará posta en catro obxectivos: converter o Polo Aeroespacial de Galicia en epicentro da I+D+i aeroespacial na nosa terra; mellorar a eficiencia e a eficacia dos servizos públicos mediante o uso de aeronaves non tripuladas; xerar capacidades e coñecemento científico básico; e emprazar a Galicia e España como “un actor global no sector”.

