O equipo da Universidade de Vigo formado polos estudantes da Escola de Enxeñería Industrial Raquel Fernández Vieitez e Guillermo Fernández Sánchez vén de acadar o segundo posto do torneo LEDU, a Liga Española de Debate Universitario para estudantes STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) que promove Telefónica, co obxectivo de fomentar as habilidades dialécticas dos futuros profesionais científicos e tecnolóxicos. Por mor da pandemia levouse a cabo de xeito totalmente telemático.
Raquel e Guillermo Fernández son dous estudantes e novos investigadores que están a piques de se titular no Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática. Recoñecen, trala súa participación na liga impulsada por Telefónica, “estar moi satisfeitos con ter participado e, dalgún xeito, axudar a demostrar que os debates e a oratoria non só é algo de letras, senón que está ben que se fomente en todos os campos”.
O torneo congregou a estudantes de oito universidades españolas, todas elas con Cátedra Teléfonica – Carlos III, Deusto, Francisco de Vitoria, Las Palmas de Gran Canaria, Politécnica de Madrid, Pompeu Fabra, Sevilla e Vigo-, acadando o primeiro posto o equipo da Universidade Politécnica de Madrid e quedando finalistas, ademais de Vigo, a Universidad Carlos III de Madrid e a Universitat Pompeu Fabra.
O debate final formulouse en torno á pregunta de se a sociedade está protexida, persoal e socialmente, fronte ao control dos algoritmos. Arredor desta cuestión os diferentes equipos argumentaron tanto a favor como en contra, converténdose nun torneo con numerosas referencias ao ordenamento xurídico, á dixitalización, así como á importancia de adquirir competencias dixitais, á equidade e á igualdade.
A través deste torneo pioneiro en España, Telefónica e a LEDU fomentan e impulsan as coñecidas como habilidades soft ou brandas que implican desenvolver competencias en argumentación, intelixencia emocional e empatía, manexo do tempo e o estrés, traballo en equipo, espírito crítico e innovador, creatividade, resolución de problemas… e, en xeral, todas as capacidades que permiten combinar a eficacia e a efectividade e que son moi apreciadas polas empresas.
Estudantes da UVigo obteñen o segundo posto na liga de debate LEDU Stem de Telefónica
Compartir Este Artigo

