O Concello de Vigo vén de obter un importante recoñecemento polo nivel de operatividade acadado polo Centro de Proceso de Datos municipal. En concreto, trátase do premio ao mellor CPD do ano no ámbito da administración pública que entrega DCM (Data Center Market), publicación especializada no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Abel Caballero informou este martes 18 da distinción e subliñou que o Centro vigués “está chamado a asentar a infraestrutura dixital municipal para os próximos quince anos”.
Os ditos galardóns de DCM, establecidos en diferentes categorías, van dirixidos a subliñar, mostrar e reivindicar os principais proxectos e tecnoloxías asociadas aos centros de datos que se desenvolveron ao longo do 2020.
“É un premio significativo”, explicou Caballero, que valora o concurso público adxudicado o ano pasado e no que o Concello investiu uns 300.000 euros, entre o contrato e a adecuación do espazo no que se empraza. O novo CPD será “a base de toda a infraestrutura informática municipal para os próximos quince ou vinte anos”, dixo o rexedor, engadindo que “nel estará fisicamente almacenada toda a información xerada polos cidadáns nas súas interaccións co Concello”, polo que “a súa importancia é crítica”.
O Concello de Vigo, premio DCM 2021 polo seu Centro de Proceso de Datos
Compartir Este Artigo

