O Concello de Ferrol achegará os días vindeiros tres obradoiros de adestramento dixital. A proposta, promovida pola concellería de Cultura, está destinada a profesionais socioculturais e docentes, ao tecido asociativo e a persoas ligadas á creación artística. As actividades (unha centrada na creación de contidos e dous nos novos formatos e narrativas) veñen da man da Concellería de Cultura.
Celebraranse entre o 26 de maio e o 19 de xuño e terán unha duración total, cada un deles, de 20 horas. Os tres constan de tres sesións en liña, adicadas ao traballo colaborativo e en equipo, que se combinan con unidades de contidos teóricos (que o alumnado poderá seguir de xeito autónomo) e o asesoramento telemático de cada proxecto.
O obxectivo final, en palabras da Concellería, é que “os participantes amplíen as súas destrezas dixitais mediante a posta en marcha de proxectos creativos vencellados á súa contorna máis inmediata (barrio, parroquia, cidade), experimentando co espazo dixital como lugar no que compartir contidos, pero tamén como lugar de encontro e de traballo en equipo”.
A inscrición, que é de balde, estará aberta para os tres obradoiros ata o venres 21 de maio ou ata esgotarse a súa capacidade.
Contidos dos obradoiros
Cada taller está adaptado a un nivel de coñecemento dixital.
O primeiro, o de creación de contidos, está pensado especialmente para persoas que queren iniciarse no ámbito dixital. Os participantes aprenderán como crear un contido audiovisual traballando de maneira colectiva en liña, xunto coas posibilidades que este formato ofrece na divulgación a na comunicación a través da Rede.
A duración total é de 4 semanas. As sesións celebraranse os xoves 27 de maio e 3 e 10 de xuño (18:00-19:30) a través da plataforma Zoom.
O obradoiro ofrece 20 prazas. A inscrición pode facerse en liña.
Os outros dous versarán sobre novos formatos e narrativas. Trátase de obradoiros paralelos e independentes, un con sesións en liña en horario de mañá (12:00-13:30) e o outro en horario de tarde (18:30-20:00) para facilitar a dispoñibilidade do alumnado. Están dirixidos a persoas xa afeitas ao ámbito dixital que desexan coñecer recursos cos que desenvolver proxectos creativos (de memoria colectiva, traballo veciñal, identidade, artísticos, etcétera). Para iso, os participantes accederán co equipo docente ás ferramentas, posibilidades e metodoloxía dixital necesarias.
A duración de cada un destes dous obradoiros é de 4 semanas. As sesións en liña celebraranse os mércores 26 de maio e 2 e 9 de xuño a través da plataforma Zoom, nos dous horarios antes indicados. Cada un destes dous obradoiros ofrece 20 prazas. As inscricións tamén se poden formalizar na Rede.
Estas actividades formativas terán unha sesión de posta en común presencial o sábado 19 de xuño (12:00) no Auditorio de Ferrol, na que se poderán coñecer os proxectos desenvolvidos nas semanas previas polas participantes.
O Concello de Ferrol impulsa tres obradoiros de competencias dixitais e creatividade
Compartir Este Artigo

