A Cámara da Coruña, en colaboración con Red.es, vai pór en marcha en xuño a Oficina Acelera Peme, un espazo físico e virtual que nace “co obxectivo de impulsar a transformación dixital das pequenas e medianas empresas, das micropemes, das persoas autónomas e emprendedoras da área coruñesa”. Formará parte dunha rede estatal de 35 oficinas que porán en funcionamento as cámaras españolas que contan con meirande censo de empresas.
A oficina ofrecerá un servizo gratuíto de asesoramento personalizado e de acompañamento para axudar ás pemes a ser máis competitivas nos seus procesos de negocio a través da adopción dunha cultura, uso e aproveitamento permanente das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) nas súas estratexias empresariais. Segundo fai saber a Cámara da Coruña, esta porá en xogo a súa experiencia para activar e dinamizar o tecido empresarial, e como medida clave na loita contra o impacto económico da COVID-19, prestando apoio específico no deseño e posta en marcha dunha estratexia de dixitalización.
Ao fío do devandito, a entidade cameral coruñesa levará a cabo actuacións de sensibilización como a xeración, difusión e posta en valor de contidos sobre as vantaxes da incorporación das novas tecnoloxías nos procesos de negocio das empresas, así como capacitación sobre tecnoloxías dixitais.
A Cámara da Coruña impulsa a transformación dixital das empresas
Compartir Este Artigo

