O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago) vén de lanzar, por sétimo ano consecutivo, unha nova convocatoria de bolsas de verán, dirixida a estudantes de graos relacionados cos ámbitos de traballo do centro.
Ofrécense 14 axudas en total para futuras investigadoras e investigadores que desexen afianzar e consolidar as súas carreiras nos eidos da Intelixencia Artificial, a análise de datos a gran escala (Big Data), a Visión Artificial, a Robótica, a Sensórica, as Tecnoloxías da Linguaxe, a Computación de Altas Prestacións ou a aprendizaxe profunda ou na aprendizaxe automática (Deep Learning e Machine Learning), entre outros eidos de acción en claro proceso de impulso.
As bolsas teñen como obxectivo “o financiamento de estadías de investigación no CiTIUS durante o próximo mes de xullo”.
Durante a estadía, as persoas beneficiarias desenvolverán un proxecto de investigación dirixido por persoal investigador ao centro, encadrado nas liñas dos Programas Científicos do CiTIUS.
Ademais, durante o período de duración da bolsa, poderán participar na actividade formativa desenvolvida no CiTIUS, que inclúe a asistencia a cursos, conferencias de persoal investigador de prestixio internacional ou presentacións das ferramentas informáticas máis actuais no campo das TI.
As bolsas están dotadas con 750 € brutos máis unha axuda para alumnos/as non residentes en Santiago de Compostela destinada ao financiamento dos gastos de transporte, cun importe máximo de 200 € para estudantes de fóra de Galicia e ata 80 € para estudantes residentes noutros concellos de Galicia.

