Este 25 de maio vaise celebrar no Consello da Cultura Galega unha xornada sobre o futuro da nosa lingua nas novas plataformas de comunicación. Trátase da cita de divulgación e debate O galego vive nas redes, coordinada por Carlos Pereiro, membro da Sección de Comunicación, Literatura e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG). Na xornada porase o foco en compartir recursos e coñecementos sobre como tirar proveito das novas ferramentas para fortalecer a presenza da nosa lingua a todos os niveis. Segundo fai saber Pereiro, o panorama é positivo, posto que o galego ten “na Internet unha vida excelente”.
A cita celébrase este martes ás 19:00 horas a través da web e redes sociais da institución e pretende analizar o presente e o futuro da nosa lingua nas plataformas de comunicación convidando a recoñecidas figuras das redes como Esther Estévez, Agos Reigosa, John Amil e María Saborís.
Carlos Pereiro é tamén fundador da revista en galego Morcego, centrada no ámbito dos videoxogos. “No último ano multiplicouse por catro a xente que vía Twich na nosa lingua. E, polo que detectamos, todas as transmisións en galego gozan de máis de dez persoas. Esta cifra pode parecer baixa, pero hai que ter en conta que en Twich hai miles de persoas que entran todos os días pero o 95% das transmisións non as ve ninguén. Pero en galego hai unha comunidade que está viva, que está creando todos os días e ten seguidores”, comenta, poñendo o foco tamén na vitalidade dos podcast, que están a meter máis demanda que nunca: “Non só están vivos senón que experimentaron un auxe, en parte grazas ao confinamento”.
Na conversa participan catro das figuras máis destacadas da comunidade galega na rede: Esther Estévez, xornalista responsable do espazo da CRTVG titulado Dígocho Eu; Agos Reigosa, un dos veteranos das redes galegas e agora detrás de Twitch en Galego; María Sabarís, xornalista na diáspora que acaba de estrear Fóra de mapa, un podcast que pretende dar a coñecer as minorías menos visibles que existen en Europa; e tamén Jon Amil, unha das caras máis visibles do chamado Galituiter e xestor da conta Emgalego, un dos últimos fenómenos para a expansión e divulgación do reintegracionismo e a resolución de dúbidas sobre a lingua galega.
A revolución do galego nas novas plataformas, a debate este martes nunha xornada do CCG
Compartir Este Artigo

