
Serán uns 30 estudantes do CPI A Xunqueira de Fene, do IES David Buján de Cambre e do Solki Center Velenje de Eslovenia quen participen de xeito presencial nesta xornada que mestura formación e ocio ao tempo que achega aos máis novos á Intelixencia Artificial.
A Escola Politécnica Superior acolle este 24 de maio a primeira das actividades. Os estudantes de secundaria e bacharelato tomarán contacto co RoboboSim, un simulador baseado en Unity que os investigadores do Grupo Integrado de Enxeñaría desenvolveron durante o confinamento en 2020.
O martes 25, ás 10:00 horas, participarán nun obradoiro sobre programación impartido polo profesor Fran Bellas e xa pola tarde, ás 16:30 horas, sumaranse a unha xincana pola cidade na que, botando man da Intelixencia Artificial e máis dos postes selfie instalados polo Concellos de Ferrol hai unhas semanas, coñecerán os principais puntos de interese turístico da cidade departamental.
O mércores 26, ás 10:00 horas, os estudantes achegaranse ata Mera para realizar unha actividade de introdución ao paddel surf. Pola tarde, ás 15:30 horas, celebrarase un obradoiro en liña sobre robótica autónoma no que intervirá o alumando do resto de centros participantes no proxecto AI+ e que dada a actual situación sanitaria derivada da COVID-19 non puideron viaxar ata Ferrol. Trátase de 20 estudantes do 2IIS A-Ruiz de Italia, do Viesoji istaiga Panevezio Profesinio Rengimo Centras de Lituania e do Joensuun yhteiskoulun lukio de Finlandia.
No que atinxe á xornada do xoves 27, a Escola Politécnica Superior acollerá, ás 10:00 horas, a segunda parte do obradoiro sobre programación e, xa pola tarde, terá lugar unha clase colaborativa na que os estudantes presentarán unhas infografías sobre a ética en Intelixencia Artificial.
A visita ao Centro de Investigación e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) pecha, o venres 28, o programa desta segunda actividade formativa.
Implantar a materia de IA no Bacharelato en toda Europa
Profesorado e persoal técnico vinculado ao Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) e adscrito tamén ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación (CITIC) da Universidade da Coruña está a coordinar desde o Campus de Ferrol o proxecto europeo de innovación educativa AI+ Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School. O obxectivo final deste proxecto é o de elaborar un plan de estudos para unha materia de Intelixencia Artificial (IA) adaptado á educación preuniversitaria en Europa ou, o que é o mesmo, para estudantes de Bacharelato.
Para poder levar a cabo o proxecto AI+, a Universidade da Coruña conta coa colaboración de seis socios, todos eles seleccionados en base á súa experiencia previa en proxectos europeos Erasmus+ e á súa traxectoria en innovación educativa. Trátase de seis centros de ensino secundario e de bacharelato de cinco países europeos distintos: o 2IIS A-Ruiz (Italia), o Viesoji istaiga Panevezio Profesinio Rengimo Centras (Lituania), o CPI A Xunqueira (Fene, A Coruña, España), o Solski center Velenje (Eslovenia), o Joensuun yhteiskoulun lukio (Finlandia) e o IES David Buján (Cambre, A Coruña, España).
A formación europea en Intelixencia Artificial colle corpo na Universidade da Coruña
Compartir Este Artigo

