Amnesia 3.0, a primeira webserie interactiva en galego, irrompe esta semana en formato pantalla grande. Concretamente, estréase este xoves 27 de maio nos cinemas Numax de Santiago ás 22.10 horas. A presentación contará cun coloquio posterior no que participarán a directora e guionista, Irene Pin, xunto a dous membros do elenco, Monti Castiñeiras e Sara Ferro. O público poderá ver deste xeito os tres capítulos desta serie cualificada como “un Black Mirror á galega” tralo seu exitoso paso polos festivais de meirande prestixio (como o CIP de Carballo, onde se proclamou gañadora).
Amnesia 3.0, que pasará á historia da ficción galega por ter sido a primeira que permite ao público interactuar co que están vendo na pantalla (fai posible, na web, que os espectadores, partindo de tres puntos de vista diferentes, sigan a historia desde un ou outro roteiro), é ademais un proxecto en desenvolvemento, ao xeito dun videoxogo ou dunha aplicación. Así nolo conta a súa creadora: “O que se poderá ver en Numax é apenas un pequeno petisco do universo Amnesia 3.0, que continúa a medrar e expandirse por diferentes soportes”.
O equipo creador da webserie, para salvar as limitacións das proxeccións tradicionais, está a traballar nun sistema que permita tomar as decisións en tempo real por votación do público a través dunha app móbil, que “seguramente se poderá nas próximas proxeccións de Amnesia 3.0 polo país adiante, nunha xira que emprenderá con esta primeira parada nos Numax”, engaden.
Segunda temporada
A webserie iniciará no vindeiro mes de xuño a rodaxe da súa segunda temporada, na que se incorporarán intérpretes como Lidia Veiga, Mabel Rivera ou Melania Cruz. Se a primeira temporada nos introduciu nun universo distópico sen memoria, con todas as consecuencias, “esta nova achega pretende afondar nas dinámicas que levaron a esta situación”.
Amais, Amnesia 3.0 participa na gamejam Rayuela de Arena, un evento de creación de narrativas interactivas a nivel estatal, que este ano ten a premisa de Tras el velo. Nesta entrega a persoa espectadora investiga unha misteriosa startup que experimenta co borrado de memoria.
Sinopse
Na realidade de Amnesia 3.0 ninguén lembra. Un software implantado no cerebro humano borra a memoria a curto prazo. Así, as persoas desenvolven as súas funcións dentro do sistema, ordenadas polas súas axendas, sen pensar nin preguntarse. Pero dentro desta harmoniosa utopía, hai quen sobrevive na marxe. Son as habitantes das Estremas, nómades ancoradas á tradición que foxen dese control.
Amnesia 3.0, a primeira webserie interactiva galega, no Numax a partir deste 27 de maio
Compartir Este Artigo

