O Concello de Pontevedra puxo en marcha unha plataforma, pontevedra.formaemprego.com, para mellorar as opcións das veciñas e veciños de atoparen un posto de traballo, achegando as ferramentas básicas precisas para acadalo. Forma parte do que sería o primeiro servizo municipal gratuíto de formación en liña para desempregadas e desempregados residentes no concello. Enmárcase nas accións postas en marcha pola Concellería de Promoción Económica que dirixe Yoya Blanco e estréase cunha proposta inicial duns 500 cursos en 29 áreas diferentes.
Os obradoiros abranguen bloques temáticos como por exemplo Administración e Oficinas; Ofimática, Internet e Redes Sociais; Deseño Gráfico; Desenvolvemento Web; Informática; Idiomas, Alimentación e Hostalería, Mercadotecnia e Vendas; Oficios, etc.
“Queremos facilitar a preparación das persoas para o mercado laboral, cunha plataforma que permitirá renovar, dun xeito sinxelo e cómodo, as competencias que dan acceso a un posto de traballo ou a outros plans máis ambiciosos, empregando as vantaxes das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para achegar un método de difusión masiva nestes momentos da pandemia, nos que aínda debemos manter as medidas de seguridade recomendadas fronte á COVID-19”, sinala a edil de Promoción Económica, engadindo que o acceso aos cursos “será libre e gratuíto para persoas empadroadas no concello de Pontevedra que teñan 16 anos ou máis e se atopen en situación de desemprego”.
Estréase en Pontevedra unha plataforma de empregabilidade cunha proposta inicial de 500 cursos
Compartir Este Artigo

