Telefónica protagonizou este mércores 26 de maio unha data histórica para as comunicacións en mobilidade, máis en detalle para a materialización do que se coñece como estradas intelixentes. En concreto, presentou os detalles do despregue de cobertura 5G e sensorización para o túnel de Cereixal (A-6), en Lugo, con vistas a facer posible a asistencia intelixente na condución. O proxecto, que converte o túnel galego no primeiro de España conectado cos vehículos (enviando información das condicións meteorolóxicas, obras, avisos de vehículo lento, posible conxestión, accidentes, obstáculos, presenza de peóns, vehículos en sentido contrario, freada brusca, aviso de entrada de emerxencias, etc), abéirase ao programa Piloto 5G Galicia.
Este programa vén da man do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital (Red.es) e polo Ministerio de Transportes e Mobilidade. Telefónica colabora nel con Nokia, Ineco, Stellantis, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e SICE. A iniciativa está co-financiada con Fondos FEDER para o desenvolvemento do do 5G en España.
Na presentación tamén participou o responsable da área TIC da Deputación de Lugo, Pablo Rivera.
A tecnoloxía
No túnel botouse man das capacidades específicas para comunicacións vehiculares C-V2X (Cellular Vehicle-To-Everything) e sensórica IoT (Internet of Things) e edge computing da rede 5G. Así mesmo, tanto os sensores (opacímetro, pavimento escorregante, visibilidade, estación meteorolóxica) como as cámaras instaladas (DAI, térmicas, detección de mercadorías perigosas, detección de vehículos eléctricos) permiten monitorizar o estado do túnel, xerar información e enviala a unha ferramenta de seguimento para que os xestores da infraestrutura visualicen toda a información recollida polos sensores IoT, poidan analizala e, se fose necesario, emitan alertas e avisos aos vehículos que o transitan.
Para a posta en marcha dos casos de uso foi necesario despregar antenas 5G que dan cobertura tanto dentro como fora do túnel, sensores IoT e cámaras de vídeo, un servidor MEC (Multi-access Edge Computing) preto da estación base que dá cobertura aos vehículos e un router 5G no propio túnel para poder recoller a información do que está a acontecer nel a través dos sensores IoT e cámaras instaladas.
En canto aos vehículos, levan instalada unha unidade de comunicacións chamada TCU (Transmission Control Unit) para converterse en vehículos conectados. No piloto, ademais, desenvolveuse unha aplicación que pode instalarse nun smartphone 5G para que os condutores reciban avisos aínda que o seu vehículo non leve TCU instalada, “incrementando así o número de vehículos conectados co túnel”, explica Telefónica.
Nokia achega ao proxecto a infraestrutura de conectividade extremo a extremo, incluíndo equipos radio 5G Nokia AirScale, o core virtualizado 5G, un servidor MEC e o Nokia 5G FastMile Gateway despregado no túnel como router 5G.
O CTAG, como centro tecnolóxico especializado en mobilidade conectada, integrou nos vehículos prototipo os seus desenvolvementos en sistemas cooperativos, que inclúen tanto a unidade de comunicacións 5G embarcada como os distintos servizos cooperativos C-V2X que foron desenvolvidos tamén por CTAG. Amais, despregou un servidor ITS no MEC para permitir a comunicación entre a infraestrutura e os vehículos. Adicionalmente e de maneira conxunta co resto de socios, executou as probas de validación e posta a punto.
Pola súa banda Stellantis achega a visión do construtor en canto a especificacións técnicas e integración no vehículo sobre os tres demostradores utilizados no proxecto (DS7, DS4 e Peugeot Traveller). Os resultados das probas son analizados polos enxeñeiros do grupo co fin de acumular experiencia para o desenvolvemento dos seus futuros vehículos.
Dentro do túnel de Cereixal e na súa contorna, SICE responsabilizouse da integración de sensores ambientais, das cámaras de detección de incidencias e dos lectores de matrículas e mercadorías perigosas, así como dos diferentes equipos cuxa información é procesada e enviada en tempo real aos sistemas do resto dos socios tecnolóxicos. No procesado da información inclúese a análise do estado do tráfico, así como a identificación do distintivo ambiental dos vehículos e o tipo de mercadorías perigosas transportadas.
Ao abeiro do proxecto, Ineco desenvolveu un sistema capaz de integrar toda a información captada polos sensores do túnel e a estación meteorolóxica, así como recibir, xestionar e enviar todos os eventos que son emitidos ou recibidos polos vehículos conectados. O desenvolvemento proporciona aos xestores do túnel un cadro de mando con toda a información necesaria, incluíndo imaxes de vídeo en directo, para coñecer en tempo real o que está a suceder no interior da infraestrutura.
A Deputación de Lugo, na presentación
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou na presentación e posta en marcha da tecnoloxía 5G para a asistencia a condución no túnel do Cereixal. Rivera, responsable do servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación, destacou “a importancia deste tipo de investimentos na nosa provincia para mellorar a seguridade viaria, pero que tamén promoven a igualdade entre o rural e a zona urbana”. E engadiu: “Lugo é unha provincia que se presta a innovar e dende a Deputación de Lugo esperamos que este proxecto de 5G no túnel do Cereixal sexa un dos moitos proxectos piloto que se lancen nos concellos da provincia, porque o necesitamos”, sinalou.
O deputado tivo ocasión de coñecer as innovacións instaladas que, ademais de tecnoloxía 5G, inclúen cámaras, unha estación metereolóxica e sensores, que permitirán aos vehículos que conten coa tecnoloxía necesaria ter información ao instante da situación na estrada.
Galicia é a primeira comunidade que conta cun túnel conectado cos vehículos a través de 5G e IoT
Compartir Este Artigo

