Este xoves 27 celebrouse a segunda xornada da feira científica Galiciencia, que este ano (igual que en 2020) vén con formato online, moito menos presencial pero, pola contra, máis expandido, máis diverso e con máis longas ramificacións. Segundo informou a organización da feira, o maior evento científico da nosa terra (e un dos máis referenciais do ámbito estatal), o alumnado participante tivo a oportunidade de converterse este xoves 27 en “axentes do CSI”. En concreto, puxeron os talentos ao servizo dunha “misteriosa desaparición”, que, sen maiores dificultades e botando man de cadansúas capacidades de dedución, lograron resolver.
A feira conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN); e coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación.
O certame científico remata mañá venres e a vindeira semana daranse a coñecer os gañadores do concurso de proxectos (que poden verse na páxina web da feira) e tamén do concurso de fotografías promovido a través de Instagram.
Esta mañá celebráronse dous obradoiro. Para o alumnado de Primaria realizouse o devandito taller CSI, onde as rapazas e os rapaces tiveron a oportunidade de coñecer a relación que existe entre a ciencia e a tecnoloxía e a investigación policial. Os participantes convertéronse en policías da unidade CSI para lograr resolver unha misteriosa desaparición, a desaparición dunha torta. No transcurso do taller, levaron a cabo un conxunto de actividades que lles permitiron ir coñecendo a importancia da ciencia na investigación forense. Recolleron e clasificaron as probas, extraeron impresións dixitais e realizaron unha análise da súa xeometría, identificaron rastros ocultos utilizando luz ultravioleta, fixeron análise cromatográfica de mostras de bolígrafos, elaboraron un retrato robot de forma conxunta e, finalmente, analizaron rastros de sangue (falsa) e pegadas de zapatos. Tras cada proba, ían desbotando sospeitosos e lograron ir pechando o círculo ata atopar a “mente criminal” que fixera desaparecer a torta.
Pola súa parte, as alumnas e os alumnos de Secundaria participaron no taller Microbioloxía para entender o mundo, a través do cal puideron descubrir, mediante exemplos cotiáns, como a microbioloxía xoga un papel fundamental tanto na nosa saúde como no noso día a día. Entre outras actividades, simularon o funcionamento da proba PCR (reacción en cadea da polimerasa) para entender como se pode usar para o diagnóstico de enfermidades, ao tempo que deseñaron os seus propios cebadores, unha secuencia curta de ADN.
O alumnado participante en Galiciencia Online 2021 meteuse na pel dos axentes do CSI
Compartir Este Artigo

