O programa de emprendemento Explorer Santiago, co-impulsado pola Universidade de Santiago, vén de dar a coñecer os proxectos finalmente recoñecidos nesta convocatoria. O primeiro premio foi finalmente para Influcontact, un proxecto centrado na intermediación publicitaria entre empresas e influencers co obxectivo de “aforrar custes e potenciar vendas mediante un servizo sinxelo, eficaz e rápido”. É unha iniciativa dos emprendedores-investigadores Andrés Felipe Soto Jaramillo, Alba González González e Juan Taboada Carrera.
O xurado composto por José Luis Villaverde Acuña, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC; Oscar Castro Campos, director da Oficina Banco Santander Campus Sur; e Xosé L. Garza Silvela, director de Actividades en Lug Open Factory, avaliaron os doce proxectos xurdidos no marco deste programa de emprendemento e destacando en todos eles a súa aliñación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.
O segundo premio recaeu en Desde LOQ (Lo que callan), iniciativa que ofrece á comunidade unha nova ferramenta dixital baseada na psicoloxía da linguaxe, que impide que o acoso (bullying) pase desapercibido. As promotoras deste proxecto son Naomi García, Marta Estévez e Laura García.
Os terceiros premios recoñeceron a Azul Cielo, un glamping sustentable e pet-friendly para as familias e peregrinos situado a 25 quilómetros de Santiago de Compostela e a 300 metros do Camiño de Santiago, no que existen actividades recreativas e cultívanse produtos ecolóxicos. Fabiola Álvarez Sánchez e Manuel Pereiro Balado son os promotores desta iniciativa.
Finalmente, Horizonte Verde recibiu o outro terceiro premio por combater o despoboamento do rural, a través do cultivo nas terras en desuso de produtos ecolóxicos para a súa posterior venda. Esta iniciativa correu a cargo de Diego Vázquez.
A undécima edición de Explorer Mocidade con Solucións conforma unha iniciativa de impulso ao talento da xente nova promovida polo Banco Santander a través de Santander Universidades e dirixida polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) en colaboración local coa USC, Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Emprego, e a Deputación de Lugo. O programa está destinado a mozas e mozos residentes en Lugo e Santiago entre 18 e 31 anos que, durante 12 semanas, puideron desenvolver as súas ideas de negocio e habilidades emprendedoras como o liderado, traballo en equipo ou habilidades de comunicación.
Explorer Santiago premia un proxecto que achega un punto de encontro entre empresas e influencers
Compartir Este Artigo

