A Xunta presentou esta mañá en Lalín o seu Programa de Impulso á Innovación nas Pemes, ao que se destinan 12M€ co obxectivo de beneficiar a 15.000 pequenas e medianas empresas, así como a microempresas. Na presentación participaron o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e máis a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey.
No acto, ao que asistiron 200 pemes de xeito presencial e en liña, interviñeron os responsables de Cartogalicia, especializada no sector dos vehículos aéreos non tripulados; Proquideza, adicada ao desenvolvemento de producos químicos para agroalimentación e limpeza industrial; e Mercantia, que traballa na rama da nutraxenómica, tres casos de éxito que explicaron as súas experiencias.
Segundo fixeron saber Conde e Argerey, o novo programa pretende “estender e facer partícipes do ecosistema de innovación ás pequenas e medianas empresas galegas”, para consolidalo e que todos os sectores e tamaños de compañías estean representados (precisamente, recalcaron, o de involucrar ás pemes “é un dos obxectivos que se perseguen tamén a través dos proxectos da candidatura galega aos Next Generation, xa que supoñen o 99 % do noso tecido empresarial”).
O obxectivo é chegar a 7.400 de entre 10 e 249 empregados e a máis de 7.000 de máis de 5 empregados.
Para conseguilo actuarase ao redor de cinco eixes: ofrecer servizos próximos e personalizados (con reunións e unha ferramenta de asesoramento), impulsar redes locais de innovación (a través da colaboración cos axentes locais e promovendo foros de innovación con empresas tractoras), fortalecer as habilidades de innovación (impulsando ciclos formativos), reforzar instrumentos de apoio (con novos programas como un de deseño para a innovación ou unha aceleradora de comercialización e internacionalización da innovación) e crear un observatorio de innovación para a elaboración de estatísticas, estudos de tendencias e creación de mapas de axentes tanto de coñecemento como colaboradores.
A Xunta quere beneficiar a 15.000 empresas co seu programa de innovación nas pemes
Compartir Este Artigo

