O proxecto europeo MarENet, liderado polo Campus do Mar (Universidade de Vigo), vén pór en marcha a que sería, en palabras do Campus, “a primeira plataforma europea sobre oferta formativa e de emprego centrada no eido da Economía Azul”. Co gallo do Día Marítimo Europeo 2021, os socios españois deste consorcio (UVigo, ACLUNAGA, CEPESCA e ICSEM) realizaron o pasado venres unha presentación virtual do catálogo de formación e de ferramentas dixitais ás que xa poden acceder todas aquelas persoas que estean interesadas en formarse ou especializarse en diferentes ámbitos do sector mariño e marítimo nos que “ata o de agora apenas había posibilidade de facelo”, explicou a UVigo.
A presentación desta nova oferta formativa contou coa participación dos profesores da UVigo José Ignacio Armesto e Laura Movilla, coordinadores de dous dos cursos impulsados desde a institución académica viguesa, así como de Carlos Botana, xefe do Departamento de Sustentabilidade da Autoridade Portuaria de Vigo, e Kais Mohamed Falcón, xestor do proxecto MarENet.
Presentáronse cinco cursos, impulsados polos catro polos socios españois do proxecto. Son os primeiros en pórse en marcha, sendo a previsión que en xuño se presenten, cando menos, doce cursos máis impulsados desde España, Irlanda e Francia, os tres países que forman parte deste consorcio europeo. A inmensa maioría serán cursos en liña e con matrícula gratuíta.
As actividades formativas, punto por punto
A proposta de cursos promovidos desde Galicia está integrada polos seguintes títulos: Fundamentos de deseño técnico con SolidWorks, coordinado polo profesor da Escola de Enxeñería Industrial José Ignacio Armesto, orientado a profesionais con perfil técnico no ámbito da mecánica, neste caso de carácter presencial; Global Governance of the Oceans, coordinado pola profesora da Facultade de Dereito Laura Movilla, sobre aspectos legais da economía e do medio ambiente nos mares de fóra das xurisdicións nacionais e da Unión Europea; Loxística Portuaria, sobre a operación e simulación dunha terminal de contedores; Operador de Lonxa, que ten como obxecto estandarizar e formalizar as operacións que se realizan despois da pesca ao inicio da súa comercialización; e Normativa e regulamentación portuaria, que se centra nos aspectos legais para as empresas loxísticas.
Aproveitando a celebración deste evento, os socios do proxecto realizaron tamén unha demostración en directo das ferramentas dixitais que xa están dispoñibles na plataforma de MarENet e que van encamiñadas a facerlle máis doado a todas as persoas interesadas a consulta de información non só sobre cursos, senón tamén sobre carreiras azuis e ofertas de emprego.

