O Concello de San Sadurniño informou da instalación dunha serie de puntos de acceso Wi-Fi, públicos e de balde, en distintos espazos das contornas urbanas do termo municipal. O obxectivo é crear unha rede de conexión que cubrirá o entorno do Pazo -incluídos os xardíns e os arredores do Centro de Empresas-, a Casa da Cultura e mailo Centro de Saúde e tamén a praza do antigo Concello. O Goberno local lembra que a Rede cubrirá aínda máis territorio do estipulado, xa que os dispositivos teñen un radio de alcance próximo aos 150 metros.
A rede, denominada “WIFISANSA”, xa está operativa no entorno do Concello e cóntase activala nos restantes espazos ao longo desta primeira semana de xuño. De momento funcionará en probas e cunha velocidade reducida, en espera de que Telefónica acenda o cableado de fibra óptica que está a estender pola zona.
A instalación deste equipamento encádrase no programa europeo Wifi4eu, orientado a proporcionar libre acceso á conectividade sen fíos en espazos públicos como parques, prazas, edificios oficiais, bibliotecas, centros de saúde e museos de municipios de toda Europa. San Sadurniño foi elixido canda outros concellos galegos como un dos territorios de implantación de redes que ofrezan polo menos 30 Mbps de velocidade. Neste sentido, o Concello recibiu unha axuda de 15.000 euros para o proxecto, a merca de equipamento e a súa distribución polos lugares elixidos.
O Concello de San Sadurniño dota diferentes espazos urbanos con Wi-Fi de balde
Compartir Este Artigo

