A compañía especializada en vídeo profesional NewTek anuncia unha nova xeración do seu estándar de vídeo sobre IP de baixa latencia, que ata o momento estaba limitado a redes locais e que agora ábrese ao mundo coa chegada de NDI 5.
A tecnoloxía NDI permite transmitir fluxos de vídeo a través de redes de datos, o que facilita a captación de vídeo dende aplicacións informáticas e incluso de dispositivos móbiles, flexibilizando os xeitos de producir vídeo e ofrecendo posibilidades que agora dan un importante salto, xa que estrean un par de ferramentas moi prácticas: NDI Bridge e NDI Remote.
Con NDI Bridge é posible establecer pontes entre distintas redes NDI, de xeito que estudios que empreguen esta tecnoloxía poden conectarse entre si para poder traballar como se estivesen nas mesmas instalacións, redefinido fluxos de traballo e abrindo novas oportunidades de colaboración para a produción de vídeo en directo.
Pola súa banda NDI Remote é unha solución que resulta moi práctica no contexto actual, xa que permite xerar un enderezo web que pode enviarse a unha persoa coa que se queira conectar en vídeo, de xeito que se abre ese enderezo nun navegador web ou nun smartphone establécese unha comunicación semellante a unha videoconferencia, na que no estremo reciben o sinal como unha fonte NDI que poder integrar directamente como unha fonte de vídeo máis, o que resulta moi práctico para conexións en vivo. Temos así unha nova ferramenta de balde para poder realizar entrevistas en vídeo dende programas de televisión ou incluso unha solución moi económica para conexións de vídeo en directo alí onde teñamos acceso á banda larga.
Con NDI 5 tamén anuncian que terán NDI Audio Direct (que facilitará a integración de son NDI en fluxos de traballo de audio baseado en software, superando as limitacións das mesas de mestura por hardware), conexión UDP fiables (tanto por conexións de Internet como Wi-Fi), soporte para todos os dispositivos de Apple, melloras no soporte para Premiere Pro e Final Cut Pro, e moitas outras novidades que poderán aproveitarse a partir deste mesmo mes.
NDI 5 permitirá compartir vídeo en directo a través da Rede
Compartir Este Artigo
