O mes pasado Apple anunciou que o seu servizo de streaming musical ofrecería audio sen perdas e son envolvente sen incrementar de prezo, medida coa que claramente buscaban facer fronte a competidores como Tidal e Amazon Music, que ofrecían estas prestacións con custo adicional (aínda que Amazon adiantouse a Apple ofrecendo Amazon Music HD sen incremento de prezo), e por fin está aquí esta mellora bastante polémica, especialmente no que respecta ao audio sen perdas, que dado que Apple leva anos apostando polo son sen fíos fai que non estea ao alcance da meirande parte de usuarios.
O audio sen perdas consiste basicamente en ofrecer o catálogo de Apple Music en formato ALAC, o que na meirande parte dos casos trátase de música a ata 48 KHz (calidade moi semellante á do CD) e na música en alta resolución pode chegar ata os 192 KHz, ficheiros que teñen demasiado tamaño para poder transmitirse mediante Bluetooth e que, no caso da alta resolución, nin sequera conta con hardware capaz de procesalo, sendo preciso contar cun DAC externo para a súa reprodución na meirande parte dos casos. Cómpre advertir que boa parte das dificultades para acceder á música sen perda está no feito de que Apple eliminou o conector de auriculares dos seus dispositivos, pois esta toma si é compatible co son sen perdas, mentres que o uso de adaptadores, pese a manter un bo nivel de calidade, non conserva a fidelidade desexada.
Pero a actualización de Apple Music si será perceptible polos usuarios na outra novidade: o son envolvente. Apple Music inclúe Dolby Atmos, unha nova mestura musical que si é compatible con auriculares sen fíos como os AirPods e os de Beats, de xeito que millóns de usuarios poden xa gozar de milleiros de cancións que aproveitan as posibilidades do son envolvente (desañado para experiencias cinematográficas inmersivas), o que principalmente afecta a novos temas, aínda que tamén hai cancións clásicas remasterizadas para son envolvente, opción moi discutida polos audiófilos (que consideran que o xeito ideal de escoitar música é o son estereofónico) pero que agora moitos usuarios serán libres de decidir se a incorporan ou non ao seu día a día.
Para que os usuarios poidan descubrir de xeito doado a música que está actualmente adaptada a Dolby Atmos, en Apple Music hai unha listaxe de reprodución cunha boa mostra de música mesturada e/ou remesturada para tirar proveito do son envolvente.
No outono os usuarios tamén poderán decidir se fan uso do seguimento dinámico, unha característica do audio espacial que fará que o son envolvente mude lixeiramente en función dos movementos da cabeza do usuario, o que pode favorecer a inmersión, pero tamén pode resultar moi incómodo en función das condicións nas que usemos tal prestación.
O son envolvente chega a Apple Music
Compartir Este Artigo
