A semana pasada presentáronse os obxectivos do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, o programa da Xunta para reactivar a cultura e a creatividade con vistas a unha rexeneración plena do sector trala adversidade da crise sanitaria. Inclúe, nesta segunda edición, máis dun millar de actividades presenciais con 3 millóns de euros. Unhas 130 destas accións programadas desenvolveranse no eido dixital.
A axenda foi debullada polo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, quen dixo que o obxectivo é “apoiar ao tecido cultural e inxectar liquidez nas empresas ao tempo que se configura unha oferta de lecer en galego, ampla, plural e de calidade”.
O responsable de Cultura, que estivo acompañado pola comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, avanzou que esta nova edición, cuxa relación se publicará nos vindeiros días, volverá a funcionar este mesmo mes como “un motor de impulso para o sector cultural”. En concreto, detallou que “e vai colaborar con máis de 260 proxectos que permitirán a programación de máis dun millar de actividades presenciais que arrancarán este mesmo mes de xuño e inclúen desde obras de teatro, contacontos ou sesións de maxia a exposicións, concertos e pases de danza”.
Esta segunda edición, tal e como explicou Román Rodríguez, funcionará como unha prolongación da primeira, aínda que cun maior protagonismo das accións culturais que poden celebrarse ao aire libre, “xa que as condicións epidemiolóxicas son máis favorables”.
Haberá tres liñas de traballo.
A primeira delas, para proxectos no ámbito dixital, con preto de 130 proxectos aprobados, representa o 50% das iniciativas apoiadas e engloba iniciativas como documentais, audiovisuais e produtos pensados para a súa proxección nas redes sociais.
A segunda modalidade correspóndese con aquelas iniciativas que se poderán celebrar de xeito presencial. Tal e como se explicou na presentación, “esta será a primeira liña de traballo en poñerse en marcha aproveitando a época estival”. Concentra un centenar de proxectos, “o que supón preto dun 40% do total, entre os que se inclúen accións musicais, obras teatrais, exposicións, etc”.
A terceira das liñas, aproximadamente unha trintena de propostas que supoñen o 10% do repositorio, é a que xira arredor dos proxectos materiais como a edicións de libros, discos e todo tipo de realizacións en formato físicos que son mercados pola Xunta “para proceder a súa distribución e colocalos en lugares de referencia como poden ser biblioteca públicas ou centros de ensino”.
O conselleiro puxo o foco na importancia de fomentar a diversidade cultural “apoiando iniciativas que van desde concertos, espectáculos literarios e proxectos audiovisuais ata álbums ilustrados, documentais, libros e mesmo a reedición facsimilar da carta xeométrica de Domingo Fontán con motivo do seu aniversario”.
Máis de 600 sesións musicais
Entre as actividades que impulsará a Xunta de Galicia a través deste Fondo de Proxectos Culturais haberá máis de 600 sesións musicais, entre concertos e obradoiros; máis de 600 representacións de teatro, contacontos, espectáculos de humor, sesións de maxia ou monicreques, preto de 120 accións vinculadas á divulgación científica, unha quincena de exposicións, máis dunha vintena de iniciativas para de animación para a lectura, etc.
Todo isto quedará distribuído entre beneficiarios moi diversos que teñen ata o mes de decembro para completar o seu traballo e entre os que se inclúen 100 autónomos, preto de 115 empresas do sector cultural, máis de 35 asociacións sen ánimo de lucro e unha ducia de cooperativas.
Novidades
Entre as novidades incluídas figura o incremento de 500.000€ no orzamento asignando, chegando así a unha dotación total de 3M€. Ademais, tamén aumenta sensiblemente a axuda que poden conseguir os beneficiarios, pasando de 10.000€ a 15.000€ no caso de empresas, cooperativas, autónomos con persoal contratado ou entidades sen ánimo de lucro con persoal contratado, e de 4.000€ a 6.000€ no caso dos autónomos sen empregados e empresas unipersoais facendo especial fincapé nos novos creadores ou en iniciativas promovidas por mulleres ou que fomenten, ademais dos puramente lingüísticos e culturais, valores como a igualdade de xénero o respecto polo ambiente e o Xacobeo 21-22.
Outra das novidades deste ano foi a diminución nos prazos de presentación co obxectivo “dun apoio inmediato ao sector” e “inxectar liquidez nas empresas o antes posible, paliando así os fortes efectos da pandemia no sector cultural”.
O novo Fondo Xacobeo de Proxectos Culturais impulsará 130 proxectos do ámbito dixital
Compartir Este Artigo

