O alumnado de Xornalismo da USC vén de publicar unha guía sobre xornalismo dixital realizada en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG). Trátase de Proxecto Decode. Xornalismo colaborativo e transmediático pola revolución tecnolóxica, un completo manual sobre os mecanismos e procedementos da nova faciana online da profesión e as súas moitas e ensarilladas ramificacións, con consellos, referencias e ferramentas para elaboración “dun mellor xornalismo especializado en tecnoloxía”.
A guía foi realizada polo alumnado de primeiro curso do grao de Xornalismo da USC, baixo a coordinación de Xosé López e José Casás e coa colaboración do Colexio de Xornalistas. Esta nova guía é o resultado dunha iniciativa no marco da V Convocatoria de proxectos de innovación educativa en Aprendizaxe-Servizo (ApS) da Vicerreitoría de Organización Académica da Universidade de Santiago de Compostela.
O documento, tamén dispoñible en versión web, comeza debullando o panorama da evolución do xornalismo dixital e as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC), tras o que se presenta a situación lexislativa actual sobre a comunicación na Internet e nas redes a nivel global, europeo, estatal, autonómico e local. A continuación, o terceiro apartado, dá consellos sobre temáticas, estilo, personalización de contidos ou estratexias para os comunicadores no mundo dixital; explica como recompilar datos e como utilizar ferramentas como a análise de datos a gran escala (o Big Data) e a Intelixencia Artificial; introduce os diferentes formatos do xornalismo dixital e ofrece suxestións sobre ciberseguridade.
O seguinte capítulo facilita referencias concretas para a realización de información dixital. A guía complétase con entrevistas en profundidade a algúns dos xornalistas máis relevantes do mundo dixital galego (Carlos García Verdugo, Marcus Fernández, María Yáñez Anllo e Pablo Grandío) e un glosario dos termos máis frecuentes dun mundo, o de Internet e as redes, termos que segundo apuntan os responsables da guía e reflicte o Colexio de Xornalistas, “atópanse en constante actualización”.
O alumnado da USC lanza unha guía sobre xornalismo dixital realizada en colaboración co CPXG
Compartir Este Artigo

