A pandemia cambiou para sempre, en maior ou menor medida, a nosa forma de traballar. Isto foi aplicable a todos os ámbitos, non só aos que, sobre o papel, tiñan unha relación máis estreita coas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Tamén, como nos contan dende a empresa galega 104 Cubes, chegou ao eido da arquitectura, transformando a construción de espazos que tiveran que ver coa seguridade e a saúde das persoas e introducindo importantes elementos do que se coñece como fogares intelixentes.
Segundo sinalan os responsables da dita firma viguesa (centrada en achegar solucións dixitais para para facilitar o día a día dos profesionais e das empresas), a combinación de arquitectura, tecnolóxica e domótica resultou ser “a gran alianza definitiva para conseguir espazos seguros”.
Así nos explica Luis García, socio fundador da empresa, as circunstancias que rodean este fenómeno: “A situación de pandemia está a facer repensar e reinterpretar o deseño da arquitectura en todos os espazos e todo o que se constrúa de agora en diante verase afectada en maior ou menor medida por ela. Así, acelerouse unha revolución que xa estaba en marcha na industria, a fusión da arquitectura e a tecnoloxía para crear contornas seguras, saudables e que inspiren confianza”.
Como consecuencia de todo isto, engade, houbo unha aposta firme dende certas empresas (é o caso de 104 Cubes) para poñer a tecnoloxía ao servizo das persoas na construción de locais comerciais, oficinas, almacéns, etc. “Estes espazos”, apunta Luis, “moveranse cara a unha maior automatización e domótica para asegurar o proceso de hixiene, a seguridade e a experiencia de compra”. Recursos como o check-in en liña, as chaves virtuais, as portas automáticas, o recoñecemento facial, a sinalización dixital dinámica ou domótica a través de aplicacións para móbiles “son algunhas das ferramentas que xa existían pero que se asentarán definitivamente tras este ano histórico”, engade.
Pola súa banda, o arquitecto Marcos Álvarez Varela, asegura que “o sector da arquitectura debe responder os retos que lle expón unha sociedade e un contexto en constante cambio”, unha situación na que os arquitectos se viron obrigados a ter en conta certos factores á hora de deseñar e construír espazos que teñan que ver coa seguridade e a saúde das persoas. Neste punto, explica, espazos como locais comerciais, hoteis, restaurantes ou ximnasios, teñen un desafío máis grande se cabe, ao estaren obrigados a garantir a desinfección plena das súas instalacións cunha rotación permanente de clientes e hóspedes. Marcos Álvarez Varela considera que “a implantación das tecnoloxías colleu un gran impulso coa pandemia. A arquitectura domótica converteuse na mellor opción para automatizar procesos que axuden a desenvolver un estilo de vida máis hixiénico e seguro”. Segundo engade, a tendencia será introducir máis tecnoloxía nos espazos e nos seus procesos para minimizar contactos e interaccións.
Luis e Marcos tamén poñen o foco no potencial de transformación que pon en xogo a tecnoloxía domótica para mudar a experiencia dos consumidores, clientes ou hóspedes dun establecemento hostaleiro, “respondendo á necesidade de contar con solucións innovadoras e útiles que resolvan, non unicamente as necesidades actuais, senón que tamén estean preparadas para os cambios que poidan producirse nun futuro”. Ao fío disto, Luis apunta a que “as marcas e empresas xa non só comercializan produtos nos seus espazos senón que agora tamén reforzan a identidade da empresa a través da arquitectura e da integración de solucións tecnolóxicas no punto físico”. Como consecuencia,a arquitectura deixa de ser unicamente materiais, mobiliario, decoración ou iluminación e dá un paso adiante, concibindo o espazo físico como unha inmersión da marca ao cliente. “A tenda transfórmase nunha experiencia vivencial e emocional, singular e auténtica”, sinala.
Para Luis e Marcos, un exemplo paradigmático disto atopámolo no Audi City de Londres, o primeiro concesionario sen coches. Trátase dun local totalmente adaptado e cun concepto innovador para crear unha experiencia híbrida. Mediante unhas grandes pantallas táctiles e coa axuda personalizada dun axente comercial, o usuario pode configurar ou ver o interior dun vehículo, tocar as texturas, arrecender a tapicería e mesmo conducir virtualmente coma nun videoxogo.
A empresa galega 104 Cubes impulsa a transformación tecnolóxica da arquitectura
Compartir Este Artigo

