O Álbum de Galicia, a base de datos online do Consello da Cultura Galega na que se recolle a historia da nosa terra a través de biografías destacadas, saudou a chegada oficial do verán cunha noa incorporación: a de Eladio Rodríguez, don Eladio, autor do Diccionario enciclopédico gallego-castellano, publicado postumamente. Este polígrafo ourensán, que residiu a maior parte da súa vida na Coruña, tivo un papel decisivo “na construción dunha memoria cultural compartida”.
Segundo se fai saber na súa entrada na enciclopedia online de persoeiros galegos, a súa grande obra foi o Diccionario enciclopédico gallego-castellano, un compendio etnográfico e máis un instrumento lingüístico que serviría de base para o establecemento dunha posterior lexicografía galega, xa nos séculos XX e XXI. Xoán Lagares asina a biografía de Don Eladio, destacado galeguista que estivo presente na constitución na Coruña da primeira Irmandade de Amigos da Fala; que foi membro fundador, secretario e presidente da Real Academia Galega e que promoveu a creación do grupo folclórico musical Cántigas da Terra, e moitas outras máis.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o CCG presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea foi “dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país”, en palabras do CCG.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas.
Ademais, permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.
A enciclopedia online Álbum de Galicia incorpora a Eladio Rodríguez, autor do Diccionario enciclopédico gallego-castellano
Compartir Este Artigo

