A primeiros de ano Twitter mercou a plataforma de boletíns de correo electrónico Revue, que podería integrarse na súa estratexia de monetización no futuro, de xeito que os creadores poderán ter boletíns que só estean dispoñibles para os usuarios que lles fagan un Super Follow (ou sexa, que se subscriban aos seus contidos mediante unha cota mensual), e dende Facebook non queren quedar atrás ante o rexurdir deste formato de publicación, polo que lanzan nos EE.UU. Bulletin, unha plataforma que permite que escritores independentes poidan achegar á súa audiencia artigos de formato longo, que poden incluír elementos multimedia, e que tamén poderán ofrecerse mediante subscricións de pagamento.
Bulletin está deseñado como unha solución claramente orientada ao negocio, de xeito que os creadores poden ofrecer contidos de balde, pero tamén crear distintos niveis de subscrición de pagamento, de xeito que os seus contidos poderán restrinxirse a quen pague, ou incluso poden limitar detalles como a posibilidade de comentalos.
Ao igual que acontece en Revue, os contidos publicados a través de Bulletin tamén poden verse nunha páxina web específica, que presente o nome, o logotipo e a paleta de cores que decida o autor, de xeito que a imaxe das publicacións pode controlarse, aínda que o realmente interesante desta plataforma é que nalgúns casos poderase integrar no taboleiro de Facebook para ter unha maior visibilidade e incluso contará con ferramentas para a distribución de podcasts e outras características sonoras que chegarán en breve, deixando claro que buscan construír comunidades ao redor dos autores, dando a impresión de que Facebook quere basicamente ocupar o lugar de plataformas de mecenado como Patreon.
Polo momento o número de publicacións en Bulletin é moi reducido, con boletíns con receitas de cociña, columnas editoriais, artigos científicos ou reflexións sobre temas de interese, o que é unha boa mostra do que esta plataforma pode ofrecer, sendo a grande incógnita se realmente o uso limitarase a publicacións de balde ou se realmente haberá un volume importante de usuarios dispostos a pasar por caixa para recibir contidos por correo electrónico.
Facebook estrea nos EE.UU. unha plataforma de boletíns
Compartir Este Artigo
