Aínda que TikTok é unha das grandes plataformas de vídeo a nivel mundial, está demasiado ligada aos smartphones xa que os seus contidos están en formato vertical, pero iso non quere dicir que non poidan resultar atractivo o seu consumo dende o ordenador e mesmo dende o televisor, e como mostra diso temos que Telefónica chegou a un acordo con ByteDance para desenvolver varias iniciativas entre as que destaca o lanzamento da Living App TikTok Extra, aplicación integrada en Movistar+ que permite que os clientes de Movistar Fusión poidan gozar dos contidos de TikTok a través do seu descodificador UHD.
Pero esta non é a única novidade de TikTok destes días, xa que nalgúns territorios a plataforma chinesa está a probar unha nova función chamada Shoutouts que permite que os usuarios poidan pagar para que os creadores elaboren contidos personalizados para eles, moi na liña de plataformas como Cameo. Polo momento as probas parecen limitarse a Turquía e Dubai e a mecánica sería sinxela: pídese un vídeo ao creador e autorízase o seu pagamento (de entre 35 e 500 dólares), agárdase ata 3 días para que o creador acepte o encargo, daráselle ao creador ata unha semana para a elaboración do vídeo e finalmente recibirase o vídeo encargado a través da mensaxería directa. Un xeito de facilitar que os creadores de TikTok poidan facer cartos na plataforma dun xeito diferente a outros modelos de negocio que están a explorar os seus competidores.
TikTok intégrase en Movistar+
Compartir Este Artigo
